Belén do Campo anima ás asociacións de veciños a solicitar as axudas da Xunta para obras e equipamento de 3 M€ que teñen o prazo aberto ata o 20 de abril
A delegada da Xunta explicou que a Xunta contribúe con estas axudas á dinamización da vida social e cultural e á mellora da calidade de vida da cidadanía
Teo (A Coruña), 24 de marzo de 2026
A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, delegada da Xunta, animou hoxe ás entidades veciñais a presentar as súas solicitudes á orde de axudas do Plan específico comunitaria, en concorrencia competitiva, destinada a estes colectivos, así como a asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que conta cun orzamento de 3 millóns de euros e ten o prazo aberto ata o 20 de abril.
Fíxoo nunha visita á Asociación de Veciños de Abaiuca, no concello de Teo, que resultou beneficiaria na convocatoria do ano pasado, onde comprobou as actuacións levadas a cabo para mellorar as instalacións do seu local social. Neste senso, Belén do Campo subliñou que esta entidade recibiu nos últimos anos máis de 63.000 euros para levar a cabo obras de reforma no seu local e para renovar o seu equipamento.
Durante a visita, a delegada destacou a importancia destas achegas para reforzar o tecido asociativo e comprobou as melloras realizadas grazas ao apoio da Xunta. En concreto, coa axuda deste ano, levouse a cabo a reforma dos dous aseos, coa execución de novos tabiques, alicatados e instalación eléctrica, ademais da colocación de novas pezas sanitarias.
Tamén se modificou a porta dun moble existente e instaláronse dúas portas de corredera empotrables. No ámbito da seguridade, colocouse unha varanda de aceiro inoxidable, contribuíndo a mellorar a accesibilidade e a seguridade das instalacións.
Nova orde
Belén do Campo lembrou a esta e ás demais entidades que está aberto o prazo para presentar as súas solicitudes á nova convocatoria de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal
A representante do Goberno autonómico lembrou que as subvencións contan con dúas liñas. Unha contía de 2,6 millóns destínase a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade.
No que se refire ás instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas, como novidade na convocatoria deste ano, dáselles prioridade ás obras de mellora, reforma e reparación nas infraestruturas básicas afectadas por incendios forestais durante o verán de 2025 nas zonas declaradas en situación operativa 2. A estas actuacións súmanse traballos para mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga e optimizar a eficiencia enerxética.
Na segunda liña, dotada con 400.000 euros, investiranse en apoio á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, incluíndo mobiliario, equipamento informático e sistemas acústicos e audiovisuais.
As axudas económicas poderán acadar a totalidade do investimento cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para obras e de 5.000 euros para equipamento.
As asociacións beneficiarias deben estar inscritas no rexistro de asociacións de Galicia no caso das entidades veciñais e de mulleres rurais e as comunidades de usuarios de augas no libro de rexistro de augas do correspondente organismo.
Belén do Campo explicou que a Xunta contribúe con estas axudas á dinamización da vida social e cultural e á mellora da calidade de vida da cidadanía. De feito, desde a posta en marcha desta orde, o Goberno galego leva investidos en Galicia case 30 millóns de euros. Finalmente, a delegada puxo en valor o impacto destas axudas na contorna próxima, sinalando que na provincia se repartiron, no 2025, 72 axudas por un importe de por un importe de case 550.000 euros, e na comarca de Santiago se viron beneficiadas o ano pasado 9 asociacións de veciños dos concellos de Ames, Boqueixón, Vedra, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra , por un importe total de máis de 92.000 euros para realizar obras e renovar o seu equipamento.