Galicia conmemora o 25 de marzo o Día Nacional do Transplante cun récord histórico de actividade
No pasado ano 2025, realizáronse 429 transplantes, a cifra máis elevada desde a posta en marcha do programa de transplante na nosa Comunidade
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agradece a xenerosidade das 143 persoas que doaron os seus órganos o pasado ano, así como a solidariedade das familias
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere agradecer, con motivo da conmemoración do Día Nacional do Transplante, a solidariedade dos doantes e das súas familias e que permitiron a realización de 429 transplantes no pasado 2025.
Esta cifra supuxo un récord histórico de participación, sendo, desde o inicio do programa de transplantes en Galicia, o ano con maior número de transplantes. O pasado exercicio tamén foi o de maior número de doantes de órganos, cun total de 143, o que representa unha taxa de 52,8 doantes por cada millón de habitantes, superando en medio punto as recomendacións da Organización Nacional de Transplantes (ONT).
Os bos datos tanto de doazón como de transplante foron posibles grazas á xenerosidade dos doantes e das súas familias. Neste sentido, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue continuará traballando para fomentar o xeneroso xesto da doazón no seo da sociedade galega e que posibilitou a consecución, no pasado 2025, dunha diminución da taxa de negativas familiares á doazón que se situou nun 19,7%, tres puntos menos que no ano anterior.
Incremento dos transplantes
A cifra de 429 transplantes do 2025 comprende a realización de 229 transplantes de ril, 116 de fígado, 7 de páncreas, 26 de corazón e 51 de pulmón. En total, desde a posta en marcha do programa de doazón e transplante en Galicia, no ano 1981, téñense realizado un total de 10.404 transplantes de órganos.
A ADOS quere facer un recoñecemento público aos doantes e as súas familias pola xenerosidade que amosan en momentos tan difíciles e que, co seu xesto solidario, contribúen a ofrecer unha segunda oportunidade a doentes que sofren importantes problemas de saúde. Así mesmo, a Axencia quere por en valor o compromiso dos profesionais do noso sistema público de saúde que posibilitan que as cifras de doazón e de transplante continúen aumentando en Galicia.