A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, participou en Madrid na xornada que a Asociación Española contra o Cancro celebra como previa ao Día mundial contra o cancro colorrectal

Galicia comparte as medidas para incrementar a participación no cribado de cancro de colon, onde a atención primaria ten un papel clave na captación e seguimento

Sobe a participación grazas á proactividade de enviar un kit de autotoma ao domicilio da poboación diana

Insístese na importancia de aumentar a participación dos homes, con maior risco de padecer a enfermidade

Madrid, 25 de marzo de 2026

A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, compartiu esta mañá as medidas postas en marcha pola Xunta para mellorar a porcentaxe de participación no cribado de cancro de colon.

A subdirectora xeral interveu hoxe, en Madrid, nunha xornada organizada pola Asociación Española Contra o Cancro en coordinación coa International Agency for Research on Cancer, con motivo da próxima celebración do Día mundial contra o cancro colorrectal, o 31 de marzo.

Na súa intervención, Sagrario Pérez subliñou a importancia da coordinación entre niveis asistenciais e o papel clave da atención primaria na captación e seguimento da poboación.

Destacou que o principal reto actual é mellorar a participación efectiva da cidadanía e garantir a continuidade ao longo de todo o proceso, especialmente tras un resultado positivo.

O cribado de cancro de colon está dirixido a persoas de 50 a 69 anos. Galicia incrementou a participación grazas ao envío de kits de autotoma ao domicilio, sen necesidade de invitación previa. Así, cunha simple recollida de mostra, pódese detectar de forma precoz a enfermidade, cunha proba non invasiva.

Sagrario Pérez chamou á concienciación dos homes no coidado da súa saúde e animou a que participen no cribado xa que teñen maior risco de padecer a enfermidade.

A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable agradeceu tamén a colaboración de asociacións de pacientes, como a Asociación Española Contra o Cancro, e das sociedades científicas na difusión dos programas de detección precoz de cancro da Consellería de Sanidade e do seu sistema de participación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026