O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, deu conta hoxe no Parlamento do funcionamento do servizo de paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
A Xunta salienta que a planta de coidados paliativos do Hospital de Piñor dispón dos medios para ofrecer a mellor atención coas máximas garantías
O titular da carteira sanitaria salienta que a reorganización de servizos derivada das obras de melloras no CHUO asegura o seu correcto funcionamento
Subliña que o Hospital de Piñor conta con 29 camas para coidados mínimos de medicina interna e con 9 camas para coidados paliativos en habitacións, tanto individuais como dobres, en función das necesidades dos pacientes
Incide en que a derivación de pacientes a Piñor faise sempre baixo os criterios médicos e selección do servizo de Medicina Interna
Refire que a dotación de persoal inclúe profesionais sanitarios e non sanitarios específicos, médicos internistas en función da ocupación e atención médica de presenza física as 24 horas do día
Pon en valor os 703 millóns de euros que a Xunta destina este ano á sanidade pública desta provincia, o que supón un incremento do 4,6 % respecto o ano anterior
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe no Parlamento que a planta de coidados paliativos do Hospital de Piñor, centro pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, dispón dos medios necesarios para ofrecer a mellor atención coas máximas garantías.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular de Sanidade detallou que, por mor das obras de renovación que se están a levar a cabo no complexo hospitalario, o Sergas decidiu dotar o Hospital de Piñor dunha planta para hospitalización de coidados mínimos de medicina interna e para coidados paliativos que asegura o seu correcto funcionamento.
Gómez Caamaño explicou que esta medida tamén supuxo unha resposta a unha demanda asistencial, co obxectivo de ofrecer unha mellor atención e aliviar o servizo de pacientes que non precisan coidados agudos.
O conselleiro incidiu en que, todos os ingresos no Hospital de Piñor, se realizan baixo un estrito protocolo de derivación de pacientes, polo que todas as persoas alí ingresadas contan coas máximas garantías médicas.
Tamén referiu Gómez Caamaño que a dotación establecida na nova planta de hospitalización é de 29 camas para coidados mínimos de medicina interna en pacientes con patoloxías moi determinadas, e de 9 camas para coidados paliativos, con habitacións tanto individuais como dobres, segundo o requiran as necesidades dos pacientes.
O titular de Sanidade subliñou que a derivación de pacientes a Piñor faise sempre baixo os criterios médicos e selección do servizo de Medicina Interna mediante un facultativo referente e os criterios baséanse no prognóstico e nas necesidades de cada un dos pacientes. En consecuencia, alí están ingresados doentes con diagnóstico pechado e coidados de enfermería sen previsible empeoramento clínico, sen solicitude de probas ou exploracións complementarias ou sen tratamento oncolóxico.
Así mesmo, referiu que a dotación de persoal inclúe profesionais sanitarios e non sanitarios específicos, médicos internistas en función da ocupación e atención médica de presenza física as 24 horas do día.
“Os pacientes do Hospital de Piñor están perfectamente atendidos por uns magníficos profesionais”, proseguiu Gómez Caamaño, prestando atención nun centro que dispón de servizo de farmacia, hostalería e de transporte sanitario, tanto para a unidade de medicina interna como para a de coidados paliativos.
Compromiso da Xunta con Ourense
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro puxo en valor o compromiso da Xunta coa provincia e a cidade de Ourense, que se reflicte nas obras no complexo hospitalario desta cidade, cun novo edificio de hospitalización no que se invisten máis de 52 millóns de euros; a reforma do Hospital Santa María Nai, con 1 millón de investimento; a reforma e equipamento da UCI, con outros 10 millóns de euros de investimento; o equipamento tecnolóxico ao que se destinan 20 millóns; a construción dun novo hospital materno infantil e, ademais, a nova unidade de medicina cun investimento de 2,8 millóns, para evitar que os pacientes da provincia de Ourense teñan que desprazarse ata Vigo.
Para concluír a súa intervención, Gómez Caamaño incidiu nos 703 millóns de euros que a Xunta destina este ano á sanidade pública desta provincia, o que supón un incremento do 4,6 % respecto o ano anterior.