María José Gómez insta á distribución a traballar de forma conxunta co resto dos axentes do lácteo a prol da sustentabilidade deste sector clave do rural
A conselleira do Medio Rural sinalou que, no momento actual de negociación dos contratos entre os gandeiros e a industria, cómpre ese entendemento para asegurar a continuidade da actividade, tanto das explotacións como da do resto de axentes
Gómez reafirmou o traballo da Xunta no reforzo dos controis para garantir que a negociación se fai consonte á normativa en vigor e para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos na etiquetaxe con respecto á orixe
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
A Xunta insta á distribución alimentaria con presenza en Galicia a traballar de maneira conxunta en relación co resto de axentes da cadea de valor do leite na senda da sustentabilidade do sector lácteo, clave no rural galego. Así llo transmitiu hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, aos representantes das principais cadeas distribuidoras da nosa comunidade, cos que se reuniu para avaliar a situación deste eido produtivo.
Gómez, que estivo acompañada nesta xuntanza polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; sinalou que no momento actual de negociación dos contratos de compra-venda de leite entre os gandeiros e a industria, cómpre ese entendemento para asegurar a continuidade da actividade, tanto das explotacións como da do resto de axentes implicados, de forma que se garanta o equilibrio dentro da cadea de valor.
A conselleira advertiu, como o vén facendo nos encontros mantidos estes días cos diferentes actores sectoriais, que o actual contexto está condicionado pola entrada en España de excedentes de leite da UE a baixo prezo e tamén por un incremento dos custos de produción a causa do conflito en Oriente Medio.
Reforzo dos controis e peticións ao Ministerio
Nesta situación, Gómez puxo en valor o traballo da Xunta, que está intensificando o seu labor de control para confirmar que o proceso de negociación dos contratos se fai consonte á normativa en vigor e, asemade, co fin de verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos na etiquetaxe con respecto á orixe.
Estas e outras medidas compleméntanse, tal como explicou a conselleira, cunha esixencia ao Goberno central para que faga cumprir a lei da cadea alimentaria e que active a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para actuar fronte á posible competencia desleal dos devanditos excedentes.
Nesta liña, cómpre lembrar que Gómez ten solicitada unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para abordar estas cuestións, así como outros asuntos de interese para o sector primario galego.