A Xunta apoia o VI Torneo internacional de fútbol 7 de Semana Santa organizado pola agrupación deportiva Sagrado Corazón
As competicións disputaranse os días 30 e o 31 de marzo nos campos de fútbol José María Rodríguez Lago das Gándaras, coa participación duns 700 xogadores de 48 equipos procedentes de toda Galicia, Madrid e Portugal
Lugo, 25 de marzo de 2026
A Xunta colabora coa sexta edición do Torneo Internacional de Fútbol 7 de Semana Santa impulsado pola agrupación deportiva Sagrado Corazón, que se desenvolverá os días 30 e 31 de marzo nos campos de fútbol José María Rodríguez Lago, situados nas Gándaras.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación das competicións xunto co presidente da entidade organizadora, Jacobo Gómez, entre outras persoas.
Os promotores agardan reunir arredor de 700 rapaces e rapazas pertencentes a 48 equipos de 35 clubs. Figuran conxuntos das catro provincias galegas, un de Madrid e dous do norte de Portugal.
A organización apunta como principais novidades deste ano que haberá dous días de competicións para as dúas categorías, benxamín e alevín; así como a dimensión internacional da convocatoria, ao contar con dous clubs portugueses.
Javier Arias destacou o traballo que realiza a ACD Sagrado Corazón para fomentar o deporte base na cidade de Lugo. Felicitou ademais á entidade pola traxectoria deste torneo, que reunirá moitas das mellores canteiras de fútbol galegas.