O conselleiro de Sanidade inaugurou hoxe na Coruña o XLIII Congreso Nacional de Enfermería de Saúde Mental

Gómez Caamaño destaca a aposta de Galicia pola enfermería en saúde mental, coa incorporación de 32 novos profesionais e 21 prazas para iniciar a formación especializada neste 2026

O máximo responsable da Sanidade galega remarcou que a psicoenfermería ocupa un lugar estratéxico no coidado preventivo e na recuperación integral dos pacientes

O departamento sanitario da Xunta está a elaborar o novo Plan Estratéxico de Saúde Mental, que marcará as liñas de actuación de cara aos vindeiros anos e reforzará o papel da enfermería na prevención e o coidado do benestar emocional

A cidade da Coruña acolle desde hoxe a especialistas chegados de toda España para afondar sobre as novidade e os retos do sistema sanitario neste ámbito da saúde

A Coruña, 25 de marzo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou esta tarde a aposta da Xunta pola enfermería especializada como peza esencial para reforzar a atención á saúde mental. Así, puxo en valor a recente incorporación ao Servizo Galego de Saúde de 32 novos profesionais de enfermería de saúde mental e o próximo comezo dun novo período de formación sanitaria especializada nesta disciplina con 21 profesionais.

Durante a apertura do XLIII Congreso Nacional de Enfermería de Saúde Mental, o titular de Sanidade salientou que para dar unha resposta máis efectiva ao aumento dos problemas de benestar emocional que presenta a sociedade é preciso contar cuns profesionais cada vez máis especializados.

O responsable autonómico enumerou algunhas das medidas nas que xa está a traballar o departamento sanitario da Xunta. Así, precisou que se está a elaborar o novo Plan Estratéxico de Saúde Mental, unha folla de ruta que que marcará as liñas de actuación de cara aos vindeiros anos e que consolidará a enfermería especializada como unha peza esencial na atención sanitaria.

Neste senso, Gómez Caamaño salientou que a enfermería especializada non é só unha realidade consolidada, senón que ocupará un lugar estratéxico no sistema sanitario galego, de acordo á súa capacidade para ofrecer un acompañamento próximo e unha visión integral dos pacientes durante os procesos de recuperación.

A esta aposta engádense iniciativas que xa están en marcha e que contan cun marcado carácter preventivo e comunitario, como é o caso do Proxecto YAM, un programa que xa se está a desenvolver nos centros educativos da comunidade e que ten por obxectivos  promover a saúde mental entre a mocidade e previr as condutas suicidas.

Así mesmo, a Escola de Coidadores en atención primaria ofrece ferramentas ás familias para favorecer a autonomía das persoas; e tamén se está a impulsar unha nova liña de intervención, centrada nun Modelo de Diálogos Abertos, co que se fortalecerán as redes de apoio arredor dos pacientes.

A cidade da Coruña acolle desde hoxe o XLIII Congreso Nacional de Enfermería de Saúde Mental, no que especialistas chegados de toda España abordarán as novidades e o retos que presenta este ámbito sanitario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026