A Xunta investirá case 400.000 euros nas obras de rehabilitación integral do CEIP San Miguel de Reinante, en Barreiros
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o proceso de contratación dos traballos está na última fase e a previsión é executalos nas vacacións de verán
Barreiros (Lugo), 26 de marzo de 2026
A Xunta investirá case 400.000 euros nas obras de rehabilitación integral do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro educativo para informar sobre as actuacións previstas, que abarcarán os dous edificios docentes. O proceso de contratación está na última fase e o obxectivo é que a empresa adxudicataria estea en disposición de executar os traballos durante as vacacións de verán.
O proxecto inclúe a substitución das carpinterías exteriores de ambas edificacións por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade; e con cámara de aire intermedia. O sistema de apertura será principalmente oscilobatiente. Tamén se Instalará un illamento térmico tipo SATE polo exterior.
No interior, colocaranse falsos teitos en aulas, corredores, vestíbulos e outros espazos, tanto no edificio antigo como no novo. Neste último tamén se incorporará falso teito vinílico nos aseos.
En canto á iluminación, renovarase o sistema existente por outro con tecnoloxía LED nas zonas onde non hai este tipo de luminarias. Ademais, acondicionarase a pasarela que conecta os dous recintos e os accesos a esa instalación.
Arias subliñou que todas estas obras en conxunto permitirán mellorar as condicións do centro educativo e garantir unha maior eficiencia enerxética, en liña cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado pola Xunta.