A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou o chiringuito O Faro, na Illa de Arousa

A tempada de actividades de lecer comeza no litoral de Pontevedra con preto de 360 instalacións e servizos autorizados nas praias e na franxa costeira

A maior parte dos títulos habilitantes outorgados na provincia (258) enmárcanse nos plans de explotación aprobados a 11 concellos e o resto de expedientes particulares

A conselleira salienta que a Xunta resolveu favorablemente en toda Galicia un total de 760 solicitudes para servizos e establecementos temporais como chiringuitos, terrazas, casetas de salvamento ou alugueiros de canoas e está a tramitar outras 80

Esta é a primeira tempada xestionada integramente polo Executivo galego desde que o 1 de xullo asumiu a ordenación plena do litoral e a primeira vez que os establecementos poden estar abertos de forma ininterrompida ata o 31 de outubro

Ángeles Vázquez lembra que se pon en marcha tamén un plan de vixilancia para garantir a integridade e adecuada conservación da costa mediante a verificación do cumprimento dos termos e condicións dos títulos habilitantes outorgados

Os propietarios de establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral poden solicitar axudas ata o vindeiro 4 de maio para adquirir mobiliario sostible, instalar peches e sombreados ou apostar pola eficiencia enerxética das instalacións

A Illa de Arousa (Pontevedra), 27 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o chiringuito O Faro, na Illa de Arousa, coincidindo co inicio da tempada de actividades de lecer no litoral de Galicia. Alí destacou que na provincia de Pontevedra se outorgaron xa preto de 360 títulos habilitantes para servizos e establecementos temporais -como chiringuitos, terrazas, casetas de salvamento e alugueiro de canoas, entre outros- relacionados coa ocupación da zona de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) ou de servidume de protección.

Boa parte destas autorizacións (258) enmárcanse nos plans de explotación aprobados a 11 concellos da provincia que trasladaron á Xunta o seu interese en xestionar por si mesmos os servizos de tempada no seu litoral -Baiona, Cangas, O Grove, A Guarda, Marín, Nigrán, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa- e o resto (99) de expedientes particulares resoltos de ocupación de espazos na costa.

A responsable autonómica, que lembrou que a tempada se estende ata o 31 de outubro, comeza cun total de 760 instalacións e servizos autorizados no conxunto da comunidade pois aos de Pontevedra engádense 340 na provincia da Coruña e 63 na de Lugo. A maiores, están en tramitación outros 83 expedientes que se resolverán proximamente.

Ángeles Vázquez subliñou que esta será a primeira tempada xestionada de forma íntegra polo Executivo galego unha vez que o pasado 1 de xullo asumiu a xestión plena do litoral e tamén a primeira ocasión na que os establecementos e servizos poderán manter a súa actividade de forma ininterrompida ata o 31 de outubro, sen ter que pechar entre finais de Semana Santa e o 1 de xuño, como facían ata agora.

Esta é unha das novidades derivadas da posta en marcha dunha estratexia integral para ordenar os usos do DPMT con criterios ambientais, sociais e paisaxísticos para garantir a protección dos ecosistemas costeiros en equilibrio cun desenvolvemento económico sostible. Nesta estratexia optouse por homoxeneizar os criterios, exixencias e prazos das autorizacións en todas as provincias -a diferenza do que ocorría antes, cando o Goberno central aplicaba distintas medidas e fórmulas en cada provincia de xeito arbitrario- e por simplificar a tramitación.

As autorizacións de tempada dan cobertura a determinadas instalacións, actividades, eventos e servizos -principalmente relacionados co lecer- que se desenvolven nos meses que se adoita rexistrar mellor tempo e que só requiren de infraestruturas desmontables, coa excepción das instalacións fixas existentes con concesión ou autorización.

Os servizos de tempada no DPMT inclúen os establecementos expendedores de comidas e bebidas, terrazas e instalacións de alugueiro de equipamentos de praia como hamacas, antucas, canoas, embarcacións a pedais e outros elementos de lecer. Mentres, na zona de servidume de protección os títulos concedidos son para chiringuitos, elementos desmontables (terrazas) asociados a establecementos fixos xa existentes e outras actividades de servizo para o goce do litoral e os usos comúns propios dese espazo.

A conselleira explicou tamén que o Executivo galego conta cun Plan de vixilancia da ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre no litoral de Galicia para garantir a integridade e adecuada conservación da costa mediante a verificación do cumprimento dos termos e das condicións dos títulos habilitantes outorgados. Os técnicos encargados deste labor actuarán de forma coordinada cos axentes e vixiantes de recursos naturais dos servizos de Patrimonio Natural.

Liña de axudas

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, aproveitou tamén para recordar que os propietarios de chiringuitos na costa galega poden solicitar ata o vindeiro 4 de maio axudas da Xunta para impulsar prácticas sostibles nos seus establecementos. O Executivo galego lanzou en febreiro a primeira convocatoria destes apoios desde que asumiu a xestión plena do litoral e ampliou o prazo para promover e facilitar a solicitude por parte dos titulares de chiringuitos –especialmente os autónomos- que só desenvolven esta actividade económica durante a tempada efectiva destes servizos.

Esta liña de apoios, que conta cun orzamento de 1 millón de euros, permite cubrir ata o 50% de cada proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima de 10.000 euros. En todo caso, cando se trate dunha adaptación integral aos prototipos de chiringuito biosostible gañadores do concurso de ideas desenvolvido pola Xunta, a axuda pode chegar ata o 70% do gasto subvencionable cunha contía de ata 20.000 euros.

O obxectivo destas axudas é promover prácticas sostibles nos establecementos expendedores de comidas e bebidas na costa galega, favorecendo á vez a súa transición cara a establecementos máis eficientes, accesibles e integrados na paisaxe que compatibilicen a súa actividade económica coa conservación da contorna, tal e como fixa a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).

Deste xeito, con estes apoios aspírase a fomentar que nestes establecementos de tempada se empreguen materiais reutilizables, reciclados, de baixo impacto ambiental ou con certificación ecolóxica tanto na instalación de estruturas, solos e paneis como nos elementos de sombreado e protección solar, ou no mobiliario.

Tamén son subvencionables actuacións dirixidas tanto á redución e correcta xestión dos residuos, como ao aforro dos consumos enerxéticos e de auga. Por último, fináncianse accións que promovan a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e a integración paisaxística.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026