A Xunta outorga ao Club de Mar unha ampliación para ocupar 3.690 m2 do dominio público na praia coruñesa de San Amaro destinados a instalacións deportivas

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolve estender por un prazo de 15 anos o título de ocupación para seguir desenvolvendo actividades acuáticas e deportes náuticos, entre outras accións

A superficie incluída na resolución alberga piscinas, un ximnasio, un pavillón polideportivo e diferentes espazos sociais

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia outorgou ao Club de Mar de San Amaro unha ampliación de prazo para ocupar 3.690 metros cadrados de terreos de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) nesta praia da cidade da Coruña con destino a instalacións deportivas.

Segundo o anuncio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, trátase dunha prórroga por 15 anos para seguir desenvolvendo actividades deportivas e sociais vinculadas directamente ao litoral coruñés. Entre as principais actividades que se realizan neste Club de Mar destacan a natación, o tenis de mesa, o bádminton, o fútbol sala, actividades acuáticas e deportes náuticos.

A prórroga foi tramitada en só seis meses, tras asumir a Xunta en setembro do ano pasado o traspaso efectivo das funcións e servizos para a xestión do litoral. Así, a superficie concedida alberga distintas instalacións como varias piscinas, ximnasio, pavillón polideportivo e diversos espazos sociais.

Data de actualización: 05/10/2026