A Xunta apoia con 17.200 euros a mellora da senda entre Vilachá e o miradoiro de Punta da Mansa, en Xove

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou o resultado da actuación, financiada con cargo á orde de axudas para impulsar zonas verdes e crear espazos de refuxio climático

Xove (Lugo), 29 de setembro de 2026

A Xunta achegou 17.200 euros ao Concello de Xove para acometer a obra de mellora da senda que conecta o núcleo rural de Vilachá, na parroquia de Portocelo, co miradoiro de Punta da Mansa.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou o resultado da actuación, que serviu para mellorar o estado de conservación dunha infraestrutura que se atopaba deteriorada.

A intervención incluíu a limpeza de cunetas e a mellora dos camiños e conexións cunha capa de saburra natural compactada.

O proxecto favorece o aproveitamento dun espazo natural destacado, como é o caso do miradoiro de Punta da Mansa, un enclave estratéxico dentro das zonas verdes e de lecer do municipio. Ademais, facilita unha comunicación segura co núcleo de Vilachá.

Villares explicou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático apoiou os traballos con cargo á orde de axudas deste ano para financiar accións de fomento das zonas verdes, que actúen como espazos de refuxio climático e beneficien á biodiversidade. Ademais, tamén se incentivan actuacións que reforcen a conectividade natural entre o medio urbano e periurbano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026