María José Gómez enxalza o bo facer dos produtores agroalimentarios galegos nos Premios Semente

A conselleira do Medio Rural participou hoxe neste acto, celebrado en Xinzo de Limia, co que se recoñece o talento, a innovación, a sustentabilidade e a traxectoria de persoas, empresas e entidades vinculadas ao sector agroalimentario

Destacou o papel da nosa comunidade como segunda rexión produtora de pataca en España, cuxa calidade está recoñecida pola IXP Pataca de Galicia

Xinzo de Limia (Ourense), 27 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; participou hoxe na entrega dos Premios Semente en Xinzo de Limia, onde enxalzou o bo facer dos produtores agroalimentarios galegos. Estes galardóns recoñecen o talento, a innovación, a sustentabilidade e a traxectoria de persoas, empresas e entidades vinculadas a este sector.

Neste sentido, a titular de Medio Rural fixo fincapé no sector da pataca, o cal ten especial relevancia na comarca da Limia. Destacou que Galicia é a segunda rexión produtora de pataca en España, cuxa calidade está recoñecida pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

En canto ao sector agroalimentario en xeral, incidiu na súa evolución con melloras técnicas do cultivo, a aposta pola innovación e a incorporación de novas tecnoloxías tanto nas explotacións agrarias como nas gandeiras, contribuíndo a xerar máis oportunidades para os mozos do sector que sitúan a Galicia como un referente no sector primario español e europeo.

A maiores, Gómez salientou o papel dos grupos de desenvolvemento rural, xa que os GDR Limia-Arnoia, de Ourense; Galicia Suroeste, de Pontevedra; e Valle del Ambroz, de Cáceres; organizan as Xornadas Ruralmente, nas que se enmarca a entrega destes premios, e propician así un espazo para compartir coñecemento e experiencias a prol do desenvolvemento do rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026