A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acompañada do director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, avanzou hoxe a actuación no concello coruñés

A Xunta licitará este luns 30 as obras da senda peonil na AC-862 ao paso por Ortigueira, que suporán un investimento total de 440.000 €

O novo itinerario terá medio quilómetro de lonxitude pola marxe esquerda da estrada e conectará o núcleo do municipio co aparcadoiro que se habilita no Festival do Mundo Celta

As empresas poderán presentar ofertas ata o 8 de maio e as obras terán un prazo de execución de seis meses

Allegue enmarcou a actuación na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e a seguridade viaria

Ortigueira (A Coruña), 28 de marzo de 2026

A Xunta licitará este vindeiro luns, 30 de marzo, as obras da nova senda peonil que habilitará na estrada autonómica AC-862, ao seu paso polo concello de Ortigueira, que suporán un investimento total de 440.000€, dos que algo máis de 400.000€ están destinados especificamente ás obras.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada do director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, avanzou hoxe esta actuación de mellora da mobilidade e seguridade viaria no municipio coruñés.

O novo itinerario terá unha lonxitude de medio quilómetro e habilitarase na marxe esquerda da citada estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 52+290 e 52+809.

Permitirá mellorar a mobilidade sostible cun tránsito peonil seguro entre o núcleo urbano e o aparcadoiro que o Concello de Ortigueira habilita para asistentes ao Festival do Mundo Celta que se celebra neste municipio.

Allegue enmarcou esta nova actuación na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e a seguridade viaria e subliñou que estas sendas “son fundamentais para garantir que as persoas poidan desprazarse de xeito seguro polas estradas”, de xeito especial neste caso en que o itinerario garantirá seguridade á veciñanza e ás persoas asistentes ao festival celta “que representa a nosa Galicia Calidade”.

As empresas poderán presentar ofertas ata o 8 de maio e as obras terán, unha vez adxudicadas, un prazo de execución de seis meses.

Actuación

A senda terá con carácter xeral 2 metros de ancho e nesta intervención realizaranse tamén actuacións complementarias de drenaxe e sinalización horizontal e vertical. Así mesmo, inclúese a definición de todos os accesos existentes con solucións particulares estudadas para cada caso particular, así como a rede de camiños existente na entorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2026