Galicia reduciu a súa débeda ata o 13,9% do PIB no ano 2025, a máis baixa desde o 2012

Galicia foi ao peche de 2025 a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB

Ademais, a débeda por habitante sitúase na Comunidade galega nos 4.402 € euros fronte aos 6.916 € da media autonómica

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

O Banco de España acaba de publicar os datos oficiais de débeda pública correspondentes ao peche do exercicio 2025. Nese período, Galicia reduciu a súa ratio de débeda ata o 13,9 % do seu PIB, o que representa a ratio máis baixa dende 2012. Deste xeito, Galicia situase como a cuarta comunidade autónoma de réxime común con nivel de débeda máis baixa e cun diferencial con respecto á media das CCAA de 6,3 puntos porcentuais. A ratio de débeda das CC.AA. situouse no 20,2 %.

Logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento. Así, desde a pandemia, ano 2020, reduciu a ratio case seis puntos, pasando de 19,6 % ata o 13,9 %. 

A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.402 euros fronte aos 6.916 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.514 euros menos que a media autonómica.

Actualización das entregas a conta

O Goberno galego urxe ao Executivo central a actualización das entregas a conta xa que, neste momento, Galicia está a recibir 183 M€ menos cada mes, do que lle corresponde aos galegos. Un feito que está a ocasionar gastos financeiros evitables, que afectarán ao noso nivel de endebedamento neste ano 2026. Non en van, os gastos en xuros para cubrir este desfase poden superar os 8 M€ este ano, que sumados aos 15 M€ que xa tivemos que asumir nos dous últimos anos, pode chegar as 23 M€ en gastos financeiros.

Data de actualización: 31/03/2026