A Xunta adxudica por máis de 1,6 M€ a subministración de máis dun millón de autotest de análise de sangue oculto para o cribado de cancro de colon

Coincidindo co Día mundial contra o cancro de colon, a Xunta fai un chamamento á participación no cribado, que permitiu detectar máis de 2.900 cancros desde 2013, a maioría en fases iniciais

A participación no programa de detección precoz increméntase cada ano e acadou o 56,5 % en 2024

A Consellería de Sanidade remite á casa das persoas de 50 a 69 anos o kit para recoller a mostra que posteriormente se entrega no centro de saúde

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, adxudicou, por 1.651.650 euros, a subministración sucesiva do material necesario para a realización dos test de análise de sangue oculto en feces para o programa galego de detección precoz do cancro colorrectal.

A empresa seleccionada é Palex Medical S.A.U., que deberá entregar 1.050.000 unidades de tubos colectores coas súas correspondentes instrucións de uso, que se prevén utilizar ata 2029; tamén autoanalizadores nos distintos centros analizadores das mostras, polo menos un por área sanitaria.

Igualmente adquírense todos os reactivos, controis, calibradores, cubetas e calquera outro material necesario para a realización dos test. Este é o material e equipamento necesario para remitir os kits aos domicilios da poboación diana do cribado, que son persoas de 50 a 69 anos.

Coincidindo co Día mundial contra o cancro de colon, que se conmemora hoxe, a Xunta fai un chamamento á participación que cada ano vai en aumento e que en 2024 alcanzou o 56,5 % (un 58,68 % en mulleres e un 50,24 %).

Aínda que a participación é superior á media nacional, a Consellería de Sanidade anima a participar no cribado a través dunha proba non invasiva.

Segundo o informe de situación e resultados 2013-2024 do programa galego de detección precoz do cancro colorrectal da Consellería de Sanidade, este cribado permitiu detectar máis de 2.933 cancros invasivos, a maioría en fases iniciais con mellor prognóstico.

Data de actualización: 31/03/2026