A Xunta mantén aberto ata o 13 de abril o prazo de solicitudes para o Xuventude Mentoring

O programa, destinado a favorecer a transición da mocidade á vida profesional, rematou a súa última edición en febreiro con 160 participantes

Desde a súa posta en marcha, no ano 2021, recibiron asesoramento 1.200 persoas, cunha taxa de inserción laboral do 64%

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2026

A Xunta de Galicia manterá aberto ata o vindeiro 13 de abril, ás 23,59 horas, o prazo de solicitudes para participar nunha nova edición do programa Xuventude Mentoring, a iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinada a favorecer a transición da mocidade á vida laboral.

Esta nova convocatoria, aberta desde o 1 de marzo, lévase a cabo despois do peche da oitava edición na que participaron 160 mozos e mozas. Esta cifra eleva ata as 1.200 as persoas que recibiron, desde a posta en marcha deste programa, acompañamento, formación e conexión directa co tecido empresarial, composto por entidades que representan aos sectores de coñecemento e profesionais estratéxicos da nosa Comunidade, como son as tres universidades galegas, clústeres, asociacións profesionais ou firmas de gran relevancia, cunha taxa media de inserción laboral do 64%.

Cómpre lembrar que, tanto a edición que rematou en febreiro como a que se iniciará proximamente lévanse a cabo ao abeiro dun convenio de colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria dotado con 1,2M€. Trátase do maior investimento feito na historia do Xuventude Mentoring co obxectivo de facilitarlle á xente moza o paso da vida académica á profesional.

Así, o programa aséntase en catro piares fundamentais. En primeiro lugar, dáselle prioridade ao traballo coas persoas mentoras con asesoramento e apoio na busca de emprego. En segundo, propóñense diferentes actividades formativas, tanto presenciais coma en liña, que se completan cun terceiro bloque consistente na asistencia a eventos de networking e visitas a empresas, destinadas a mellorar a empregabilidade e as redes de contacto. Por último, a través dun equipo de oito titores, lévase a cabo un seguimento continuado dos mozos favorecendo o contacto cos seus mentores.

As peticións faranse a través do formulario dispoñible no portal de Xuventude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2026