A Xunta patrocina 32 actividades gratuítas en Lugo, Ribadeo e Mondoñedo con motivo dos Días Europeos da Artesanía
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou o impulso do Goberno galego aos oficios artesanais como motor de emprendemento e de dinamización rural
Lugo, 6 de abril de 2026
A Xunta de Galicia conmemora os Días Europeos da Artesanía patrocinando 32 actividades que se desenvolverán en Lugo, Ribadeo e Mondoñedo en colaboración coa Asociación Lucense de Artesáns (Asolua). O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe durante a presentación da programación o impulso do Goberno galego aos oficios tradicionais e artesáns “como modelo de emprendemento ligado ao territorio e motor de dinamización rural”.
O Forte de San Damián de Ribadeo acollerá este mércores día 8 un total de 13 talleres; o venres toma o relevo o claustro da Catedral de Lugo, que acollerá 11 obradoiros, e durante a fin de semana, principalmente o domingo 12, ofertaranse oito modalidades no pazo de San Isidro de Mondoñedo.
Son actividades gratuítas guiadas por profesionais nas que os participantes traballarán activamente na elaboración de pezas que poderán levar con eles. Experimentarán técnicas de gravado, estampaxe, modelado ou cerámica, e procesarán materiais como o coiro, a madeira ou os téxtiles. Segundo a especialidade elixida, fabricarán chaveiros, moedeiros, pulseiras, máscaras e broches, entre outros.
Impartiranse en grupos reducidos, e os detalles e horario concreto de cada unha das actividades pode consultarse na web dos Días Europeos da Artesanía.
A Xunta súmase á celebración desta efeméride coordinando e promovendo 110 actividades de divulgación dos oficios artesanais nas catro provincias galegas. A edición deste ano convócase co lema “Co corazón no oficio” e está dedicado a poñer en valor o espírito colectivo, as sinerxías culturais e territoriais e a vitalidade do medio rural. O obxectivo é ofrecer numerosos eventos gratuítos dedicados ao público en xeral para que descubran, coñezan, toquen e sintan a artesanía de cada lugar.
Programación na provincia
Ribadeo iniciará a programación celebrando ao longo do mércores obradoiros de cerámica con Chus Lage, Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo e Lucía Catuxo; obradoiros de coiro con Raíces Nómadas e María Jul; un obradoiro de madeira con Madeira a man; un de tecido a cargo de Miratú e outro de monicreques con Ton Arenas.
Na catedral de Lugo desenvolverase o día 10 a xornada “Oficios á luz do claustro”, entre as 11 e as 14 horas da mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. Ofrecerán actividades os talleres Artesanía do pasatempo, Esquina Atlántica, Fontemeimil, Fusaiola, LeCoopVíctor Montero, Miratú, Nova, Patapum e Portomeñekos.
Ademais, Enxógate dirixirá un obradoiro para nenos e nenas maiores de 10 anos, centrado na realización dunha figura autómata, e Tres Caracoles coordinará un taller colaborativo no que cada participante traballará sobre un círculo de coiro para formar un gran rosetón común.
O domingo 12, na xornada “Oficios vivos entre muros de pedra” de Mondoñedo, están previstos obradoiros de olería con Esquina Atlántica, de cerámica con Artesanía do Pasatempo, de coiro con María Jul, de upcycling téxtil con Péndulo Artesanía, de madeira con Madeiraman e de serigrafía con Estudio Estampa. Previamente, o sábado desenvolverase en sesións de mañá e tarde un taller sobre os oficios tradicionais relacionados coa la, como o cardado e a fabricación de fío.