Belén do Campo informa que ata o 20 de abril aínda está aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a entidades veciñais, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas

A delegada da Xunta destacou que esta orde conta con dúas liñas de financiamento para obras de mellora de infraestruturas e para dotar de equipamento a estas entidades

Trazo (A Coruña), 6 de abril de 2026

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, animou hoxe ás entidades veciñais a presentar as súas solicitudes á orde de axudas do Plan específico comunitaria, en concorrencia competitiva, destinada a estes colectivos, así como a asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que conta cun orzamento de 3 millóns de euros e ten o prazo aberto ata o 20 de abril.

Fíxoo nunha visita á Asociación de Veciños de Monzo no concello de Trazo, que resultou beneficiaria na convocatoria do ano pasado, onde comprobou as actuacións levadas de pavimentación exterior e construción dun porche lateral no centro social de Monzo. A representante do Goberno autonómico explicou que as obras de mellora realizadas foi unha actuación orientada a reforzar a calidade de vida da veciñanza e a impulsar o asociacionismo local.

Durante a visita, Belén do Campo destacou que esta intervención contribúe a fomentar a cohesión social e a dinamizar a participación veciñal, mediante a creación de espazos protexidos para o desenvolvemento de actividades ao aire libre.

O proxecto incluíu a execución dunha beirarrúa perimetral arredor da edificación, que mellora notablemente os accesos peonís, incrementando a accesibilidade ao recinto. Así mesmo, esta actuación permite protexer o local social do contacto directo coa auga de escorrentía procedente da chuvia, favorecendo a súa conservación.

Ademais, levouse a cabo a construción dun porche lateral na fachada leste do edificio, co obxectivo de optimizar as condicións de estanqueidade do inmoble e xerar un novo espazo exterior cuberto. Esta zona permitirá ás veciñas e veciños desenvolver actividades ao aire libre en condicións máis cómodas e protexidas.

No que respecta ás características técnicas da intervención, a beirarrúa perimetral executouse con pavimento continuo de formigón, incluíndo traballos de apertura de caixa, colocación de zahorra artificial e vertido de formigón de central. Pola súa banda, o porche construíuse mediante piares metálicos sobre a soleira, cunha estrutura de aceiro deseñada para a formación de pendentes, e cubriuse con panel sándwich acabado en tella vermella.

A delegada puxo en valor este tipo de actuacións, que permiten mellorar as infraestruturas de uso comunitario no rural e reforzar os espazos de convivencia veciñal, contribuíndo ao benestar do conxunto da cidadanía.

Nova orde

Belén do Campo informou a esta e ao conxunto das entidades de que xa está aberto o prazo para presentar solicitudes á nova convocatoria, que deberá tramitarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta.

A representante do Goberno autonómico salientou que estas achegas contribúen a dinamizar a vida social e cultural, ao tempo que favorecen a mellora da calidade de vida da cidadanía. Neste sentido, lembrou que desde a posta en marcha desta orde o Goberno galego leva investidos preto de 30 millóns de euros en toda Galicia. Así mesmo, destacou o impacto destas axudas no ámbito máis próximo, indicando que na provincia se concederon en 2025 un total de 72 subvencións por un importe próximo aos 550.000 euros. Na comarca de Ordes , foron beneficiadas o pasado ano 7 asociacións de veciños dos concellos de Trazo, Mesóa, Oroso, Tordoia e Cerceda, cun investimento global superior aos 77.000 euros destinado tanto  á execución de obras como á renovación de equipamento.

A representante do Goberno autonómico explicou tamén que, este ano, que o programa de axudas se estrutura en dúas liñas diferenciadas. A primeira delas conta cun orzamento de 2,6 millóns de euros e está destinada á execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais pertencentes a asociacións de veciños e de mulleres rurais. Entre as actuacións subvencionables inclúense a eliminación de barreiras arquitectónicas, así como intervencións en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos e instalacións de fontanería, climatización, saneamento ou electricidade.

En relación coas traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios, como principal novidade desta convocatoria, darase prioridade ás actuacións de mellora, reforma e reparación das infraestruturas básicas que resultaron afectadas polos incendios forestais do verán de 2025 nas zonas declaradas en situación operativa 2. Ademais, tamén se financiarán traballos orientados a optimizar a xestión, a medición e o control da calidade da auga, así como a mellora da eficiencia enerxética destas instalacións.

A segunda liña, cunha dotación de 400.000 euros, destínase ao apoio para a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das entidades e para a posta en marcha de actividades específicas. Neste apartado inclúense investimentos en mobiliario, equipos informáticos e sistemas acústicos e audiovisuais.

As axudas poderán cubrir a totalidade do investimento realizado, cun máximo de 12.000 euros por entidade no caso de obras e de 5.000 euros para equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2026