A Lama mellora a súa eficiencia enerxética e o subministro de auga do pavillón grazas a unha axuda da Xunta de máis de 65.000 euros

O concello substituíu as antigas luminarias por novos puntos de luz led de baixo consumo

O delegado territorial destacou a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para facer un uso eficaz e eficiente dos recursos públicos

A Lama (Pontevedra), 6 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o  concello da Lama, que mellorou a eficiencia enerxética do seu alumeado público e o sistema de subministro de auga do pavillón municipal.

A actuación, que foi posible grazas a unha achega de máis de 65.000 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) permitiu substituír as antigas luminarias por novos puntos de led de baixo consumo. Ademais, renovouse o subministro de auga do pavillón, o que permitiu mellorar a comodidade dos seus usuarios.

Acompañado polo alcalde, David Carrera, o delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para conseguir que os recursos públicos se utilicen de forma eficaz e eficiente. Neste sentido, Reguera asegurou que “os alcaldes e alcaldesas son os que mellor coñecen as necesidades da súa veciñanza”.

Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a preto de 20 concellos da provincia de Pontevedra por un valor próximo aos 750.000 euros.  Na área de influencia de Pontevedra recibiu esta axuda, ademais da Lama, o concello de Cerdedo-Cotobade.

O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.

Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2026