A Xunta destaca a implicación de Hotusa coa FP galega ao apoiar a case 900 alumnos en tres cursos

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visita as instalacións da empresa en Chantada, onde se están cualificando unha trintena de rapaces

Chantada (Lugo), 8 de abril de 2026

 A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou hoxe a implicación da empresa Hotusa co crecemento da FP galega. Fíxoo nunha visita ás instalacións da compañía en Chantada, onde están formándose neste momento unha trintena de rapaces que cursan os ciclos de Administración e finanzas, de Desenvolvemento web, de Sistema microinformáticos e redes e a dobre titulación en Axencias de viaxes e xestión de eventos e en Guía, información e asistencia turísticas.

A representante da Xunta destacou que nos últimos tres anos a empresa, de orixe lucense pero con despregamento en todo o mundo, asinou convenios de FP Dual Intensiva coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que permitiron ofertar máis de 860 prazas. “Estamos a falar duns ciclos nos que o alumnado realiza boa parte da súa formación na empresa e que teñen unha empregabilidade de case o 100%, o que supón unha gran oportunidade para estudantes de todas as idades”, sinalou a directora xeral.

“A maiores, a empresa colabora na formación en centros de traballo, as prácticas clásicas, o que demostra a confianza de Hotusa na calidade das ensinanzas da FP galega e na súa capacidade para preparar profesionais da máis alta cualificación” abondou.

Hotusa colabora na formación de alumnado dunha decena de titulacións diferentes en case unha vintena de centros das catro provincias galegas. A oferta céntrase, fundamentalmente, nas familias profesionais de Hostalaría e turismo, de Informática e de comunicacións e de Administración e xestión, de tal forma que os estudantes poden aprender tanto nos establecementos hoteleiros da cadea como na súa central de xestión.

Data de actualización: 08/04/2026