A Xunta licita por máis de 395.000 euros o subministro de reactivos químicos e material funxible con destino ao laboratorio de saúde pública de Galicia

O material adquirido empregarase para realizar os ensaios e análises vencelladas ao control oficial de produtos alimenticios e augas

O contrato terá unha duración de 2 anos, recollendo a posibilidade de ser prorrogados por 24 meses máis

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 8 de maio para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2026

A Consellería de Sanidade publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por un importe de 395.457 euros, do subministro sucesivo de reactivos químicos, patróns de referencia, material funxible e outros medios auxiliares de laboratorio necesarios para a execución dos ensaios vencellados ao control oficial de produtos alimenticios e augas.

Distribuído en seis lotes, o departamento sanitario da Xunta adquirirá material de uso xeral no laboratorio, soluciones patrón para cromatografía, medios de cultivo, reactivos xenerais de laboratorio, funxibles de cromatografía e diferentes solucións patrón de referencia para a analítica de augas. 

O contrato terá unha duración de 2 anos, recollendo a posibilidade de ser prorrogado por 24 meses máis.

O material adquirido terá como destino o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, que se encarga de dar cobertura analítica aos programas de vixilancia e control establecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública nos ámbitos da hixiene e da seguridade alimentaria e no eido da sanidade ambiental.

Estas analíticas realízanse conforme aos procedementos internos, métodos oficiais, nacionais e internacionais, nos que se require o emprego de diversos reactivos químicos, patróns de referencia, material funxible e outros medios auxiliares de laboratorio necesarios para a execución dos métodos de ensaio que se empregan no control oficial de produtos alimenticios e augas.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 8 de maio para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 08/04/2026