A Xunta destaca en Vigo a aposta de Indra Group por medrar en Galicia con proxectos de alto valor engadido no eido da seguridade ou a defensa

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou no acto de presentación do Plan de crecemento e atracción de talento da compañía, no marco da mesa redonda titulada ‘Oportunidades e desenvolvemento profesional’

Posteriormente, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, clausurou o acto

Vigo, 10 de abril de 2026

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita  Ardao, participaron hoxe en Vigo no acto organizado por Indra Group para presentar o seu Plan de crecemento e atracción de talento en Galicia. Nas súas intervencións, ambas destacaron o compromiso de Indra Group con Galicia, onde emprega máis de 1.600 persoas en ata oito centros de traballo.

No caso da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, tomou parte na mesa redonda titulada Oportunidades e desenvolvemento profesional, onde destacou a aposta da Xunta no eido da formación para o emprego cunha oferta flexible e á carta das empresas para dar resposta ás súas necesidades de capacitación e man de obra de cara a cubrir as vacantes existentes en sectores estratéxicos. Unha oferta dispoñible para persoas desempregadas (a través das accións AFD que veñen de elevar o seu orzamento de 2026-2027 dos 40 aos 60 M€) pero tamén para as que teñen traballo e queren actualizar os seus coñecementos e perfil profesional. Tamén puxo en valor a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia con ferramentas innovadoras para casar oferta e demanda laboral como EMi.

Así mesmo, Lado referiuse ao decreto pioneiro en España para regular as microcredenciais no ámbito da formación para o emprego que xa está en vigor para avanzar na formación das persoas traballadoras en competencias moi concretas, de maneira flexible e directamente conectada co que demanda o tecido produtivo. Deste xeito, Galicia contará por primeira vez cun sistema oficial que permitirá ás empresas crear formación curta, práctica e certificada segundo as súas necesidades reais, ao tempo que facilita ás persoas traballadoras acreditar competencias específicas de forma áxil e recoñecida, sen depender de itinerarios longos ou ríxidos. Este modelo compleméntase co resto da oferta formativa, alíñase coas recomendacións da UE e contribúe a mellorar a empregabilidade e reforzar a competitividade empresarial.

Clausura do acto

Pola súa banda, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, encargada de clausurar a xornada, trasladou o apoio da Xunta ao compromiso de converter Galicia nun territorio de referencia para proxectos de alto valor engadido no eido da seguridade e a defensa, ao tempo que subliñou a importancia das empresas que apostan polo desenvolvemento industrial e tecnolóxico da comunidade galega.

Ardao puxo en valor que Indra foi un dos primeiros socios tecnolóxicos da Xunta na iniciativa estratéxica de impulso ao sector aeroespacial e que o compromiso que hoxe ratifica sitúa a Galicia no centro da súa estratexia de crecemento. Engadiu, neste sentido, que iniciativas como esta son o resultado dun ecosistema construído con determinación coa colaboración das administracións públicas, do tecido empresarial e do sistema de coñecemento galegos.

Finalmente, a directora xeral puxo en valor a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo impulsada pola Xunta de Galicia como contexto de oportunidade para atraer novos investimentos industriais de alto valor engadido á rexión que contribúan a acadar o cumprimento dos obxectivos clave desta iniciativa: impulsar o crecemento das empresas do ecosistema, fomentar a súa diversificación cara a novos produtos e servizos no ámbito da seguridade e a defensa, reforzar as capacidades produtivas do territorio e liderar desde Galicia as políticas industriais no ámbito nacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2026