O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura o Congreso sobre intelixencia artificial na educación que congrega a preto de 800 profesionais docentes

Galicia autorizará o uso da IA na educación para a detección temperá de dificultades de aprendizaxe e deseñar recursos adaptados a cada estudante

Román Rodríguez aposta por “aproveitar as potencialidades” da IA para mellorar o ensino a través dun emprego regulado e responsable que dea certezas

A futura Lei de educación dixital dedicará un capítulo completo a regular os usos permitidos e prohibidos da intelixencia artificial aplicada ao ensino

Estes sistemas en ningún caso poderán substituír a intervención directa do profesorado e deberán estar homologados e autorizados pola Xunta

Permitirase empregar a IA para xerar ou adaptar materiais de apoio, exercicios personalizados ou para determinadas avaliacións, sempre con supervisión humana

Prohibirase a toma de decisións baseadas só en IA, calquera sistema de control automatizado do comportamento, atención ou rendemento ou a predición, clasificación e identificación de condicións cognitivas para evitar a discriminación

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliña que Galicia está a dar “un paso decisivo” para o futuro do ensino a través da nova Lei de educación dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que o Goberno da Xunta ultima para aprobar este ano.

Así o expuxo hoxe ante arredor duns 800 profesionais docentes na inauguración do Congreso Intelixencia Artificial e Educación. Da comprensión técnica ao impacto humano, onde salientou que un dos aspectos máis relevantes desta normativa será precisamente a regulación do uso da intelixencia artificial no sistema educativo galego.

O titular de Educación da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, chamou a aproveitar as potencialidades da IA para mellorar a calidade do sistema, pero cun carácter auxiliar e de apoio na toma de decisións e “sempre” baixo a supervisión humana, minimizando así os seus riscos.

O conselleiro fixo especial fincapé nos aspectos relacionados coa atención á diversidade. “Se ben é certo que a IA nos abre múltiples posibilidades para mellorar a atención á diversidade cun ensino máis personalizado e adaptado ás necesidades de cada alumno, tamén temos que erradicar calquera risco asociado”, advertiu Román Rodríguez.

Román Rodríguez destacou a “rigorosidade” de este texto normativo que regulará os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa -administracións, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino.  Non en balde, desde inicio emprendeuse unha fase previa de participación e diálogo coa implicación de expertos de recoñecido prestixio nesta materia, así como medio cento de docentes e colectivos profesionais que representan a profesorado especializado de diversos ámbitos para acadar un texto “solvente e consensuado”.

Logo do anuncio do presidente da Xunta esta semana no Debate do Estado da Autonomía, o conselleiro Román Rodríguez concretou os usos permitidos e prohibidos da IA no ensino, aos que a Lei de educación dixital de Galicia dedica un capítulo enteiro.

Usos permitidos

Neste senso, a IA configúrase como unha “ferramenta moi útil” na medida en que poden axudar a adecuar contidos e actividades específicas ás necesidades individuais de cada alumno. Así pois, está permitido o seu uso para axudar a facilitar a detección temperá de dificultades de aprendizaxe e para proporcionar recursos educativos adaptados ao nivel e ritmo de aprendizaxe do estudante. Tamén se poderá empregar a IA para xerar ou adaptar materiais de apoio como contidos multimedia, exercicios personalizados, traducións ou propostas de proxectos, sempre baixo a supervisión do profesorado.

No que atinxe aos usos prohibidos, estes abranguen a toma de decisións académicas, organizativas e administrativas baseadas en resultados xerados só por intelixencia artificial. Isto é, que e ningún caso estes sistemas poderán substituír a intervención directa do profesorado nin a súa capacidade de decisión, se ben se permite o seu apoio para a avaliación e titorización asistida no caso de exercicios automatizables con respostas predeterminadas ou autocorrexibles como pode sen os coñecidos tipo test.

En todo caso, os docentes tan só poderán empregar sistemas de intelixencia artificial homologados e autorizados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que para facilitarlles o apoio neste eido, elaborará un catálogo ao respecto.

Usos prohibidos

De igual modo, quedará prohibido o uso da intelixencia artificial para predicir, clasificar ou identificar neurotipos ou condicións cognitivas do alumnado como poden ser, a modo de exemplo, casos de TEA ou TDAH, entre outros, que precisan de avais de profesionais do ámbito sanitario e psicopedagóxico. Tamén se prohibirá o uso de sistemas de IA que impliquen recoñecemento facial, análise emocional, seguimento biométrico ou calquera forma de control automatizado do comportamento, atención ou rendemento do alumnado que poida vulnerar a súa intimidade, dignidade ou dereitos fundamentais.

Relatores participantes no congreso

O terceiro congreso en materia de intelixencia artificial organizado pola Consellería de Educación a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación, CAFI desenvólvese hoxe en Santiago coa participación de recoñecidos expertos a nivel internacional.

Entre os relatores está Mariana Ferrarelli, investigadora arxentina centrada nas tecnoloxías no ensino, na formación de profesorado e nas narrativas transmedia na educación e consultora en tecnoloxía e pedagoxía en diversas institucións, onde deseña e apoia proxectos dixitais. É a coordinadora do Observatorio de Innovación na Educación Superior na Universidade Isalud e directora do programa de IA na educación na Universidade de San Andrés, en Arxentina.

Tamén participa Enrique Dans, profesor de Innovación da IE Business School e investigador comunicador e asesor, que estuda os efectos da innovación tecnolóxica nas persoas, nas empresas e na sociedade en xeral. Ademais do seu labor docente e asesor en Innovación e Transformación Dixital na IE Business School, é profesor visitante na Academia Diplomática d España e na Universidade de Oxfor (Reino Unido) e está incluído na lista de influencers mási destacados de Forbes.

Así mesmo, intervén Pere Castellvi, profesor de Psicoloxía Clínica e da Saúde na Universitat Autónoma de Barcelona, cunha liña de investigación na promoción do benestar mental e a prevención do suicido en mozos e nos últimos anos especializouse na aplicación e as repercusións da intelixencia artificial na saúde mental desde un punto de vista ético.

Outra das relatoras é Amaia Arroyo, doutora en Comunicación e Educación en Contornas Dixitais da UNED e investigadora da Facultade de Humanidades e Ciencias da Educación de Mondragon Unibertsitatea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2026