A Xunta licita por 13,9 M€ a compra de camas e mesas de noite de hospitalización e camas de unidades de críticos para os hospitais do Servizo Galego de Saúde

A contratación inclúe a dotación do equipamento necesario para a posta en marcha do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra e a primeira fase do plan director do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol

O valor estimado da contratación é de 8,4 millóns de euros para as camas de hospitalización, 1,9 millóns para as camas de hospitalización de alta complexidade, 1,4 millóns para as camas de críticos e 2,1 millóns para as mesas de noite

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica desde hoxe a licitación, por 13,9 millóns de euros, da subministración sucesiva de camas e mesas de noite de hospitalización e camas de unidades de críticos con destino a hospitais do Servizo Galego de Saúde.

A Consellería de Sanidade licita este contrato coa modalidade de acordo marco cun único empresario e procedemento aberto establecendo de prazo ata o 27 de abril para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas. O prazo máximo de duración do acordo marco, tendo en conta a prórroga, será de tres anos.

O valor estimado desta contratación é de 8,4 millóns de euros para as camas de hospitalización, 1,9 millóns para as camas de hospitalización de alta complexidade, 1,4 millóns para as camas de críticos e 2,1 millóns para as mesas de noite.

A presente contratación inclúe a dotación do equipamento necesario para a posta en marcha da hospitalización e das unidades de críticos do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra, así como a dotación da hospitalización de diversos servizos derivada do plan director do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, e a renovación e ampliación de mobiliario de hospitalización e camas de unidades de críticos de diversos hospitais do Sergas.

Trátase de incorporar camas e mesas de noite para cubrir as necesidades asistenciais tanto en unidades de hospitalización xeral onde, pola súa propia evolución asistencial, acollen pacientes con distintos niveis de complexidade, como nas unidades de críticos, cuxas necesidades son máis especializadas, intensivas e estables no tempo.

Estas necesidades están orientadas a garantir o confort e a seguridade do paciente, a eficiencia clínica e a integración cos sistemas do hospital.

Tamén se terá en conta o obxectivo de facer os hospitais do Sergas máis eficientes, promovendo a economía circular e o respecto ao medio ambiente.

Criterios que se valorarán

Os criterios que se valorarán para a compra das camas será a calidade no comportamento dinámico (grao de facilidade no seu manexo e sistema de freado),  a manipulación do paciente encamado, os accionamentos manuais e eléctricos, a información proporcionada pola cama de xeito automático e dixital, a calidade física da estrutura, a ergonomía resultante do deseño e accesibilidade, a calidade dos sistemas de seguridade e control, o confort proporcionado ao paciente e, ademais, o mantemento, limpeza e desinfección da cama.

No caso das mesas de noite, entre outros criterios, valorarase a calidade física da estrutura, dos accionamentos manuais e eléctricos, a ergonomía do deseño e a accesibilidade.

Data de actualización: 13/04/2026