A Xunta remata as obras de estabilización do noiro do tramo da AG-57 afectado polo temporal ao seu paso por Gondomar, tras un investimento de case 110.000 €

Esta fin de semana procedeuse xa á reapertura do carril cortado ao tráfico sentido Baiona no tramo da autovía do Val Miñor que permaneceu pechado durante as obras

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

A Xunta rematou as obras de estabilización do noiro do tramo da AG-57, afectado polo temporal ao seu paso por Gondomar, tras un investimento de case 110.000 euros. Así, xa esta fin de semana procedeuse á reapertura do carril cortado ao tráfico sentido Baiona no tramo da autovía do Val Miñor que permaneceu pechado durante as obras.

Cómpre lembrar que a Xunta cortou ao tráfico a mediados do pasado mes de febreiro o treito de 2,1km dun carril da autoestrada AG-57 do Val Miñor, entre o quilómetro  17+600 e 15+500, tras un desprendemento de terra nun noiro na marxe da calzada a causa das fortes choivas. Así, aínda que este desprendemento non afectou á calzada, ante o posibles risco de desprendemento de material que quedou inestable na cabeza do noiro, optouse por seguridade polo corte de tráfico no carril sentido Baiona.

A Xunta chega ao remate das obras de estabilización do noiro, traballando desde o primeiro momento co obxectivo de axilizar as mesmas o máximo posible, sempre garantindo a seguridade na actuación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026