A sede da Xunta en Lugo inaugura unha exposición sobre os 40 anos de Amnistía Internacional na provincia
Repasa algúns dos casos nos que se implicou o colectivo lucense, a través de artigos xornalísticos, fotografías ou cartas dos afectados e as súas familias
Lugo, 13 de abril de 2026
A sede da Xunta en Lugo acolle desde hoxe unha exposición que conmemora o 40 aniversario da creación do grupo de Amnistía Internacional na provincia. Poderá visitarse ata o venres 24 de abril e repasa algúns dos principais casos nos que se implicaron durante estas décadas, valéndose de material como artigos xornalísticos, fotografías ou cartas enviadas polos afectados e as súas familias.
A mostra foi inaugurada hoxe coa participación, entre outros, do delegado territorial, Javier Arias, e Carlos Fernández, un dos responsables do colectivo desde a súa fundación. É un percorrido cronolóxico que dá conta dos seus inicios, en decembro do 1986, e das sucesivas causas nas que loitaron, defendendo a liberación de presos de conciencia ou denunciando abusos en distintos países do mundo.
Entre os testemuños recollidos figura unha carta que lles remitiu o entón arcebispo de Buenos Aires Jorge Mario Bergoglio, 13 anos antes de converterse no Papa Francisco. Tanto el como o grupo local de Amnistía Internacional en Lugo traballaron pola liberación do sacerdote Antonio Puigjané, inxustamente encadeado na Arxentina durante 13 anos.
A exposición, que conta tamén coa colaboración do xornal El Progreso, presenta outros procesos dos que se ocuparon, amparando a persoas concretas en Cuba, Guinea Ecuatorial, Brasil ou República Dominicana, así como accións de protesta e de concienciación que convocaron na cidade, desde a repulsa pola matanza de Tiananmen (no 1989) á máis recente pola actuación do ICE contra as persoas migrantes nos Estados Unidos, o pasado mes de marzo.
A mostra, que visitará nos vindeiros meses outros puntos da provincia, abre o calendario de actividades polo 40 aniversario. Co mesmo motivo, esta fin de semana celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a 52 Asemblea Xeral Federación da sección española de Amnistía Internacional, á que se espera asistan arredor de 200 persoas. A provincia xa foi sede desta cita nos anos 1990 e 2006.