Galicia prohibirá gravar as clases sen autorización e a difusión dos exames dos alumnos en redes sociais

Rueda destaca que o Consello da Xunta analiza o contido da futura Lei de educación dixital, cuxo anteproxecto será sometido nos próximos días ao proceso de exposición pública

Así mesmo, restrínxese o uso pedagóxico dos teléfonos móbiles ata 3º de ESO, pois ata o de agora ese uso está permitido para todas as etapas

Sinala que o obxectivo das novas medidas anunciadas hoxe é que a actividade educativa se desenvolva de modo privado, protexendo tanto o alumnado como o profesorado

A futura norma en tramitación estenderá á contorna dixital a condición de autoridade pública do profesorado que xa opera actualmente na aula

Ademais, limítase o uso de dispositivos dixitais individuais ata 5º de primaria, regúlase os usos autorizados e vetados da IA e os horarios de conexión fóra da aula

Subliña que a lei, pioneira a nivel estatal, exercerá como un piar fundamental na consolidación do modelo galego de ensino híbrido e da regulación de dereitos e deberes neste eido

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a futura Lei de educación dixital de Galicia prohibirá a gravación das clases sen autorización por parte das familias, dos alumnos ou de terceiras persoas alleas ao persoal docente. Así o recolle o anteproxecto, cuxa redacción vén de ser rematada, e que hoxe analizou o Consello da Xunta para proceder á súa exposición pública nos vindeiros días.

Segundo afirmou o presidente, este é un dos últimos pasos, xunto coa elaboración dos informes pertinentes, para a súa validación definitiva e remisión ao Parlamento para o seu debate e aprobación, algo que está previsto levar a cabo “antes de que remate este ano”.

Rueda sinalou que “xa temos moito camiño andado” e que esta norma, pioneira a nivel estatal, recolle no seu articulado as condicións de gravación das sesións educativas e a docencia virtual, facendo fincapé no dereito do profesorado a exercer a súa actividade docente en condicións de respecto e seguridade nas contornas dixitais, do mesmo modo que acontece nas contornas físicas da aula e do centro.

O titular do Executivo galego salientou que a lei establece que, “salvo autorización expresa”, queda prohibida a gravación en audio ou vídeo das sesións da clase, titorías ou calquera outra actividade docente, tanto se son presenciais coma se se desenvolven por medios virtuais. Esta prohibición operará para alumnos, familias e terceiras persoas alleas ao persoal docente. Queda prohibida tamén a súa reprodución ou difusión mediante redes sociais, servizos de mensaxaría instantánea ou calquera outro medio dixital. Especifícase, ademais, que tales condutas poderán ser obxecto de medidas correctoras ou sancións cando se considere que vulneran a privacidade, a imaxe ou outros dereitos de membros da comunidade escolar.

Non obstante, poderanse gravar clases e actividades con finalidade didáctica unicamente ou de seguimento académico, garantindo en todo caso o respecto aos dereitos fundamentais das persoas participantes. O presidente indicou que isto está pensado para casos “moi concretos” como, por exemplo, un alumno cego que non pode seguir a clase e pide gravala para despois seguila na casa, ou clases de instrumentos nos conservatorios.

Teléfonos móbiles

Por outra parte, a norma tamén reforzará a prohibición dos teléfonos móbiles nos centros educativos, unha medida pioneira no seu momento. Segundo explicou o presidente, ata o de agora estaba prohibido o emprego dos dispositivos en todo o recinto escolar, pero permitíase o seu uso pedagóxico en todas as etapas educativas, cuestión que agora se acouta a partir de 3º de ESO.

Así mesmo, a lei blinda que a actividade educativa dos estudantes se desenvolva en modo privado, garantindo que o proceso se realice en condicións de dignidade, privacidade e respecto no ámbito dixital. Neste senso, o profesorado non poderá utilizar, a título individual, en redes sociais ou medios dixitais persoais, imaxes, voz nin outros datos persoais do alumnado derivadas de actividades escolares, incluídos os exames, complementarias ou extraescolares, agás que exista autorización expresa.

Da mesma maneira, queda prohibida a difusión de contidos, tarefas, imaxes, voz ou calquera outro material que poida menoscabar a dignidade, a intimidade ou os dereitos dos alumnos, especialmente cando se realice a través de redes sociais ou medios dixitais alleos ao ámbito institucional do centro educativo.

Autoridade pública do profesorado

Por outra parte, Rueda destacou que se estende “á contorna dixital a condición de autoridade pública do profesorado” que xa opera na aula. A partir da entrada en vigor da nova Lei de educación dixital, esta condición recoñecida xa na Lei de convivencia e participación da comunidade educativa será igualmente aplicable ás interaccións e actividades que o profesorado desenvolva a través de medios dixitais no exercicio das súas funcións docentes.

Neste senso, considerarase que o profesorado actúa no exercicio da súa autoridade pública en contornas dixitais cando a comunicación ou interacción en liña teña a súa orixe ou estea vinculada coas funcións educativas e orientadoras e que se realice a través de plataformas, ferramentas ou medios dixitais, habilitados, facilitados ou recoñecidos polo centro ou a Administración educativa, para fins docentes ou formativos.

Consolidación do modelo híbrido

A futura Lei de educación dixital de Galicia exercerá como un piar fundamental na consolidación do modelo galego de ensino híbrido, onde se combinan os recursos físicos coas novas tecnoloxías de maneira que ambas convivan en harmonía e se complementen co fin de garantir a mellor formación do alumnado. Responde, ademais, ao obxectivo da Xunta de dotar o alumnado galego de competencias dixitais, que son básicas para desenvolverse na sociedade actual e facelo dun xeito seguro, crítico e competitivo.

Deste xeito, Rueda apuntou que Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en regular os usos permitidos e prohibidos da intelixencia artificial na educación, facendo fincapé en que poderán empregarse os sistemas de IA cun carácter auxiliar ou de apoio na toma de decisións educativas, pero sempre baixo supervisión humana.

Ademais, a través desta lei, Galicia convértese tamén na primeira Comunidade Autónoma en regular o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo. Por outra parte, adecuarase o uso da tecnoloxía nas aulas en función da etapa educativa e a madurez do alumnado. Así pois, o uso dos medios dixitais en Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria limitarse a un uso colectivo e o uso individual comezará a partir de 5º de Primaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026