Arias reúnese co presidente da Protectora de Animais de Lugo para reafirmar o compromiso da Xunta no proxecto de reforma das súas instalacións

Lembra que a Administración autonómica ten consignada a súa achega e está en disposición de asinar o convenio a tres bandas para a cofinanciación das obras de xeito inmediato

Lugo, 13 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse esta mañá con Alberto Losada, presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo -que vén de presentar no Concello o proxecto técnico para a execución das obras de reforma das instalacións da entidade-, para reiterarlle o compromiso do Goberno galego nesta actuación. Instou ademais á administración local e á Deputación Provincial a “actuar e definir canto antes a súa postura para permitir que este proxecto avance”.

Arias destacou que a Administración autonómica ten consignados nos seus Orzamentos 250.000 euros para colaborar na ampliación e mellora das dependencias da Protectora, “e estamos en disposición de asinar, de xeito inmediato, ese convenio de cofinanciación a tres bandas que se comprometeu” para impulsar os traballos.

Lembrou que a Xunta liderou este proxecto desde o primeiro momento, apostando por acondicionar as actuais instalacións da Protectora en Muxa, e foi ademais a primeira Administración en ofrecerse a colaborar coa entidade, comprometéndose a achegar un terzo da financiación necesaria para as obras.

O delegado territorial incidiu así mesmo na necesidade de que Concello e Deputación “concreten sen máis demora” o acordo de financiamento para facer posible a execución dun proxecto “prioritario para a cidade”, que mellorará o benestar animal e as condicións do servizo que presta a Protectora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026