A directora xeral de Mobilidade reuniuse con representantes da Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo
A Xunta aborda cos concellos da área da Coruña as melloras do transporte metropolitano
A reunión enmárcase no compromiso do Goberno galego de reforzar o diálogo cos municipios no seo da ATM da Coruña
Judit Fontela informou da situación dos servizos existentes e incidiu nas melloras implantadas en Oleiros
Prestouse especial atención á mellora das conexións coa Universidade e cos distintos polígonos, á optimización das frecuencias e á adaptación dalgúns servizos ás necesidades actuais
A Coruña, 14 de abril de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mantivo hoxe unha reunión cos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros para analizar as propostas de mellora do transporte público na contorna metropolitana. O encontro dá continuidade ao compromiso adquirido no seo da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña de reforzar a coordinación institucional e avanzar na mellora dos servizos a partir do diálogo cos municipios.
Na súa intervención, Judit Fontela informou da situación dos servizos prestados a estes concellos. Así, A Coruña conta con case 200 liñas interurbanas, de xeito que nun día laborable medio chegan á cidade 335 servizos dos concellos metropolitanos e saen 323. Son máis de 650 autobuses e suman máis de 60.000 prazas. Estes servizos levan máis de 120.000 viaxeiros nunha semana tipo.
En Arteixo hai 38 liñas, das que 23 conectan coa Coruña. Os autobuses que chegan á cidade ascenden a 63 e 54 saen de volta, sumando máis de 8.300 prazas e trasladando máis de 26.000 usuarios á semana. No que se refire a Cambre, a directora xeral indicou que conta con 66 liñas, das que 41 conectan coa Coruña. Nelas chegan 128 autobuses e saen 126 nos que viaxan máis de 13.000 usuarios á semana.
Pola súa banda, Culleredo suma 77 liñas, con 54 que conectan coa Coruña. Así, os días laborables chegan desde este concello á cidade 174 autobuses e 168 saen de volta, transportando máis de 29.000 usuarios cada semana. Desde Oleiros, con 59 liñas das que 39 conectan coa Coruña, chegan á cidade 161 autobuses e saen 168. A cifra semanal de viaxeiros supera os 21.500.
Melloras en Oleiros
No caso deste último concello, o de Oleiros, Judit Fontela incidiu nas melloras implantadas, froito do diálogo institucional constante co Concello e que permitiron reforzar servizos, ampliar a cobertura territorial e adaptar parámetros de explotación. Así, referiuse á reestruturación do corredor A Coruña-Oleiros-Sada reforzando a conexión da zona norte do municipio, especialmente con Dexo e Lorbé, coa prolongación de varias liñas existentes.
A isto engádese a ampliación das frecuencias da conexión coas praias de Mera e Canide durante o pasado verán, con novas expedicións en cada sentido nos meses de maior demanda. Ademais, en novembro incorporouse unha nova parada na urbanización de Xaz, na liña Entrexardíns-Santa Cruz-Pousada, o que supuxo ampliar a cobertura territorial do servizo nunha zona residencial de recente desenvolvemento ao aumentar en 12 o número de servizos diarios adicionais.
A maiores, a Xunta está avaliando actualmente a viabilidade de prolongar a liña San Pedro de Nós-Entrexardíns en todos os servizos, adaptando os tempos de viaxe e con expedicións de reforzo en horas punta, a ampliación da liña Entrexardíns-Oleiros (IES Miraflores) ata a zona comercial do Polígono de Iñás e a creación dunha nova liña Perillo-Campus Universitario.
Novas propostas
Durante a reunión, a directora xeral escoitou tamén as distintas propostas trasladadas polos concellos, co obxectivo de analizar a súa viabilidade e o seu encaixe no sistema de transporte público.
Entre as cuestións abordadas, prestouse especial atención á mellora das conexións coa Universidade, unha das principais demandas trasladadas polos municipios, e que xa está a ser estudada pola Xunta co obxectivo de incorporar novas conexións directas, ampliar percorridos e incrementar frecuencias. As conexións cos distintos polígonos industriais, empresariais e comerciais da área foi outra das demandas avaliadas. Actualmente contan con 77 liñas e estudarase a optimización das frecuencias e adaptación dalgúns servizos ás necesidades actuais das persoas usuarias.
Judit Fontenla subliñou que calquera modificación dos servizos debe realizarse con base en criterios técnicos, garantindo a eficiencia do sistema e o uso responsable dos recursos públicos, ao tempo que se dá resposta ás necesidades de mobilidade da cidadanía.
A Dirección Xeral de Mobilidade continuará traballando cos concellos no marco da ATM para avanzar na implantación das melloras que resulten viables, mantendo unha canle de diálogo permanente coas administracións locais.