A mesa sectorial de Sanidade acorda a mellora das condicións laborais e retributivas do persoal dos Puntos de Atención Continuada
O acordo acadado entre o Servizo Galego de Saúde e as organizacións sindicais CSIF, CCOO e UGT recolle a mellora retributiva do 15,36 % na xornada complementaria do persoal médico e do 22,62 % para os profesionais de enfermería
Para ambos os colectivos prevese unha redución progresiva de tramos de xornada complementaria ata acadar o valor incentivado desde a primeira hora
Para o persoal de xestión e servizos aplicarase o réxime previsto no Acordo de concertación social e a retribución correspondente á quenda rotatoria complexa
A partir do 1 de xuño, as xornadas de 24 horas no sábado por parte de profesionais dos PAC contarán cunha retribución adicional de 168 € para persoal facultativo, de 135 € para persoal de enfermería e de 96 € para o persoal xestión e servizos
Durante o período 2026-2028, a Xunta incrementará o persoal dos Puntos de Atención Continuada con 211 novas prazas específicas
A Administración sanitaria mantén o seu compromiso cos médicos de urxencias hospitalarias, aplicando un incremento de 5 euros nas horas de garda e co recoñecemento da noite do venres como prefestiva
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026
A Mesa Sectorial de Sanidade asinou esta mañá o acordo de mellora das condicións laborais e retributivas dos Puntos de Atención Continuada (PAC).
O acordo acadado polo Servizo Galego de Saúde e as centrais sindicais CSIF, CCOO e UGT terá aplicación inmediata nas retribucións do persoal facultativo, de enfermería e de xestión e servizos.
En concreto, o acordo recolle o incremento do 15,36 % das retribucións da xornada complementaria do persoal facultativo, que se aplicará de forma progresiva ata completar a suba de 5 €/hora: 2 € desde abril de 2026 e 3 € adicionais en xaneiro de 2027.
No caso dos profesionais de enfermería de PAC consolídase un incremento xa acordado do 22,62 %.
Tanto para o persoal médico como para o de enfermería prevese unha redución da fragmentación de tramos na xornada complementaria para que, no prazo máximo de tres anos, se cobre o valor máximo incentivado desde a primeira hora.
No que atinxe ao persoal xestión e servizos que desempeña o seu labor neste centros sanitarios, aplicarase o réxime previsto no Acordo de concertación social e a retribución correspondente á quenda rotatoria complexa.
Entre os acordos asinados esta mañá, tamén destaca o novo programa especial para a cobertura das xornadas dos sábados nos PAC galegos. Así, a partir do 1 de xuño, as xornadas de 24 horas en sábado contarán cunha retribución adicional de 168 € para o profesionais médicos, 135 € para o persoal de enfermería e de 96 € para o persoal xestión e servizos.
Principio de voluntariedade e incremento de 211 prazas
A Mesa Sectorial acordou tamén o incremento de prazas específicas para os Puntos de Atención Continuada, con 211 novas prazas para o período 2026-2028. Delas, 100 serán de médico, 80 de persoal de enfermería, e 31 de persoal de xestión e servizos.
O acordo establece que a prestación da actividade nos Puntos de Atención Continuada rexerase polo principio de voluntariedade efectiva, segundo os termos do programa regrado de voluntariedade acordado na Mesa Sectorial do pasado 27 de marzo. Ademais, recoñécese a flexibilidade organizativa dos calendarios na prestación de servizos nos PAC por parte dos profesionais, condicionada ao cumprimento das necesidades asistenciais e vencellada á dispoñibilidade real dos recursos humanos.
O documento aprobado hoxe define así mesmo outras medidas organizativas centradas no establecemento de criterios de distribución equilibradas co obxectivo de evitar sobrecargas individuais, a análise dos límites razoables de participación e a revisión dos criterios de cómputo de xornada.
Compromiso co persoal médico de urxencias hospitalaria
Á marxe do acordo acadado hoxe sobre os PAC, a Mesa Sectorial abordou tamén as melloras retributivas do persoal médico de urxencias. O Servizo Galego de Saúde trasladou a súa vontade de poñer en marcha de xeito inmediato un paquete de medidas para dar resposta ás demandas dos facultativos das urxencias hospitalarias.
Entre estas medidas, destaca o incremento de 5 euros na hora de garda e tamén unha reivindicación histórica de retribuír a noite do venres como módulo prefestivo.
Así mesmo, igualaranse os criterios de descanso aos dos Puntos de Atención Continuada e realizarase un estudo de cargas de traballo no último trimestre do ano para valorar a ampliación de cadros de persoal.
A Administración comprometeuse a vixiar estreitamente a carga asistencial de todos os dispositivos para evitar sobrecargas individuais, garantindo unha distribución equilibrada de tarefas e revisando os límites de participación dos profesionais para asegurar a calidade do servizo e a seguridade de pacientes e traballadores.