O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, interveu no acto inaugural da XXXIX Reunión Nacional do Grupo de Uroloxía Oncolóxica da Asociación Española de Uroloxía

O Servizo Galego de Saúde acada as 4.000 intervencións urolóxicas realizadas con cirurxía robótica

O titular de Sanidade incide en que esta especialidade ocupa un lugar central no sistema sanitario, cun volume asistencial moi relevante

A actividade de uroloxía, en canto a intervencións cirúrxicas xerais, foi de 20.753 no pasado ano, un 1,4 % máis que en 2024

Pon en valor que Galicia é a primeira comunidade en poñer en marcha un proxecto piloto de cribado de cancro de próstata que permitirá chegar a miles de homes galegos

A Xunta tamén aposta pola innovación, incorporando a intelixencia artificial ao diagnóstico para gañar en precisión e axilidade na detección de lesións malignas

Galicia está a consolidar un modelo de uroloxía baseado na innovación, na calidade asistencial e nunha atención cada vez máis centrada no paciente

Vigo, 16 de abril de 2026

O Servizo Galego de Saúde foi pioneiro na implantación da cirurxía robótica en rede no ano 2021, o que lle permitiu realizar ata o ano pasado ano 3.920 intervencións urolóxicas mediante este procedemento.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, interveu esta mañá en Vigo no acto inaugural da XXXIX Reunión Nacional do Grupo de Uroloxía Oncolóxica da Asociación Española de Uroloxía.

O titular de Sanidade incidiu en que esta especialidade ocupa na comunidade un lugar central no sistema sanitario, con presenza nos sete grandes hospitais e cun volume asistencial moi relevante. Así, a actividade de uroloxía, en canto a intervencións cirúrxicas xerais, foi de 20.753 no pasado ano, a quinta posición nas máis frecuentes e un 1,4 % máis que en 2024.

O conselleiro referiuse tamén a que os tumores urolóxicos representan un reto de saúde pública de primeira orde, pola súa elevada incidencia e polo impacto directo que teñen na calidade de vida, especialmente no caso do cancro de próstata.

Modelo personalizado

Gómez Caamaño referiu que a uroloxía está a experimentar unha transformación profunda, avanzando cara a un modelo máis preciso e personalizado, no que se consolidan tratamentos menos invasivos e terapias dirixidas adaptadas a cada tumor.

No ámbito da prevención, Galicia é a primeira comunidade de España en poñer en marcha un proxecto piloto de cribado de cancro de próstata que permitirá chegar a miles de homes galegos, integrado no proxecto europeo PRAISE-U, e que se está a desenvolver na área sanitaria de Ferrol.

Xunto ao anterior, o Executivo galego tamén aposta pola innovación como eixe de futuro, incorporando a intelixencia artificial ao diagnóstico para gañar en precisión e axilidade na detección de lesións malignas.

Ademais, iniciouse a produción en Galicia dun novo radiofármaco que supón un salto cualitativo no diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado.

En definitiva, tal e como indicou o conselleiro, Galicia está a consolidar un modelo de uroloxía baseado na innovación, na calidade asistencial e nunha atención cada vez máis centrada no paciente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2026