Arranca en Santiago o Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia coa participación de 25 profesionais de diferentes sectores estratéxicos
A primeira sesión do Programa celébrase mañá venres, 17 de abril, na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e estará centrada nas estratexias nacionais de seguridade
Esta formación avanzada, que a Xunta de Galicia impulsa no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, terá unha segunda edición despois do elevado número de solicitudes rexistrado, que practicamente triplicou as prazas ofertadas
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
A Escola Galega de Administración Pública acollerá mañá a primeira sesión do Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, promovido pola Xunta en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI) no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, que conta coa participación dos 25 profesionais de diferentes sectores que foron seleccionados entre as 69 candidaturas presentadas.
A sesión inaugural contará coa presenza da subdirectora xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial, Farrah Lisa Meghazi; do director xeral de TEDAE e director académico do Programa, César Ramos; da directora executiva da EOI, Rosa Peláez; e do director de Formación e Executive Education da EOI, Ramón Gurriarán.
O contexto xeral de seguridade e as estratexias nacionais de seguridade son as temáticas que se abordarán nesta primeira sesión, a cargo de Antonio Ángel Notario Ezquerra, xefe de Planeamento Político-Estratéxico e de Cultura do Departamento de Seguridade Nacional do Gabinete da Presidencia do Goberno de España.
O Programa ten unha duración de 128 horas (32 horas en 8 sesións presenciais en Santiago de Compostela e 96 horas en liña) e durante as próximas semanas centrarase en temáticas como a planificación de capacidades e cooperación industrial europea, os instrumentos financeiros europeos, a estratexia industrial de defensa e a innovación aplicada á defensa, o papel das pemes no proceso de obtención de capacidades, a xestión de contratos e programas do sector público ou liderar e competir na Nova Defensa.
A celebración deste programa en Galicia ten por obxectivo achegar ás empresas galegas o acceso a coñecemento estratéxico para continuar formando talento especializado nos sectores da seguridade e a defensa. Co apoio da Xunta, a formación ten un custe de 660 € para os profesionais e empresas galegas, fronte aos 4.400 € do seu valor de mercado.
A Xunta de Galicia promoverá unha segunda edición do Programa para dar resposta ao elevado número de solicitudes rexistrado nesta primeira convocatoria, na que se recibiron 69 candidaturas para un total de 25 prazas, unha cifra que practicamente triplicou a oferta dispoñible.