A Xunta pon en valor o sector naval como aliado estratéxico na actividade marítimo-pesqueira
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou o seminario Naval 2026: Construír, reparar, asegurar e financiar, que clausurou a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao
Santiago de Compostela, 16 de abril do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou hoxe o seminario Naval 2026: Construír, reparar, asegurar e financiar, organizado pola Asociación Española de Dereito Marítimo e Abanca, no que puxo en valor o excelente momento que atravesa a industria naval galega e o seu impacto na actividade marítimo-pesqueira.
Neste senso, incidiu na diversificación do sector como unha das súas principais fortalezas, coa construción de buques de nova xeración destinados a actividades pesqueiras, transporte de mercadorías, pasaxe, offshore, investigación científica ou seguridade e defensa. Un contexto que, en palabras de Villaverde, “consolida a comunidade como referente internacional nesta materia, acadando os mellores niveis industriais dos últimos 15 anos”.
A titular de Mar agradeceu á Asociación Española de Dereito Marítimo e a Abanca a organización deste encontro, así como a participación de expertos, relatores e asistentes, destacando a importancia deste tipo de foros para fomentar o troco de coñecemento e a creación de sinerxías e, en consecuencia, impulsar a competitividade da cadea mar-industria.
A clausura do encontro correu a cargo da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, quen lembrou que as prioridades do Plan Director da Construción Naval, aprobado polo Goberno galego para o período 2025-2027 e que mobilizará case 63 millóns de euros, son moi claras: fomentar a dixitalización e a innovación, apostar pola internacionalización e incentivar o emprego cualificado nun sector que en Galicia xera uns 14.000 postos de traballo directos.
Na súa intervención, Ardao indicou que Galicia é unha potencia neste sector xa que concentra case un terzo da contratación de buques a nivel nacional e na última década exportou o 90 % dos construídos en España. “Deseñamos e construímos prototipos únicos, feitos a medida, desde os pesqueiros máis avanzados do mundo e buques oceanográficos de última xeración ata complexos sistemas de defensa, cruceiros ou ferris”, precisou, tras explicar que “a nosa Comunidade non só compite en volume, senón en intelixencia, en especialización”.
Por último, a directora xeral, dependente da Consellería de Economía e Industria, destacou o compromiso da Xunta coa sustentabilidade e a importancia de contar cunha gran cadea de valor onde a industria auxiliar “cobre todas as necesidades”. “Os nosos estaleiros están a integrar a Intelixencia artificial e o deseño 3D para garantir que cada peza encaixe con precisión milimétrica, optimizando a vida útil de cada barco”, subliñou.