O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Asociación galega de empresas de envasado de auga mineral natural (Agamin), Álvaro García de Quevedo, asinaron o acordo que ten como obxectivo fomentar as doazóns altruístas
A Xunta renova a colaboración coa Asociación galega de empresas de envasado de auga mineral para entregar 60.000 botellas aos doadores de sangue
Esta colaboración está a ter unha excelente acollida entre os doadores e contribuíu, de xeito inestimable, a ofrecer un mellor servizo á cidadanía
Galicia é a cuarta comunidade de España en taxa de doazón de sangue por habitante
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Asociación galega de empresas de envasado de auga mineral natural (Agamin), Álvaro García de Quevedo, renovaron o convenio de colaboración polo que se entregarán 60.000 botellas de auga aos doadores de sangue que acudan ás unidades móbiles da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos ou aos locais permanentes de doazón.
O convenio supón que a Asociación galega de empresas de envasado de auga mineral natural porá á disposición da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos botellas de auga de 500 ml de marcas galegas de recoñecido prestixio, favorecendo deste xeito a calidade na atención aos doadores de sangue.
Esta colaboración, que principiou no ano 2024, ten por obxectivo ofrecer a mellor atención ás persoas que deciden doar sangue, ademais do fomento dos distintos tipos de doazón e da promoción de hábitos de vida saudables, como unha axeitada hidratación mediante o consumo de auga mineral natural.
Fomentando a doazón
A Asociación galega de empresas de envasado de auga mineral natural, mediante este convenio, distribuirá entre os seus asociados información vinculada ás distintas actividades de fomento da doazón impulsadas desde a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
A Axencia Galega de Doazón, pola súa banda, responsabilizarase das tarefas de promoción e divulgación desta iniciativa e asumirá a loxística relacionada coa recollida das botellas de auga e a súa posterior distribución entre as persoas que doan sangue.
A duración inicial deste convenio é dun ano, coa posibilidade de prorrogar ata un máximo de catro anos adicionais.
A Xunta salienta a excelente acollida que a colaboración da entidade está a ter entre os doadores e que contribuíu, de xeito inestimable, a ofrecer o mellor servizo á cidadanía.
Neste sentido, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos fai partícipe a Agamin da cifra de 105.378 doazóns de sangue en 2024, que situou Galicia como a cuarta comunidade en índice de participación, cunha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, catro puntos por riba da media estatal.