A Xunta colabora con Jandro Pallares na organización de actividades este mes en Lugo

Lugo, 17 de abril de 2026

A Xunta colabora co bailarín e empresario Jandro Pallares na posta en marcha de distintas actividades que se desenvolverán ao longo deste mes en Lugo. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, e Jandro Pallares, director da escola de baile RitmoLugo e do salón de baile Lucus Son, presentaron hoxe a primeira delas, que terá lugar este sábado no barrio de Recatelo.

Trátase dun ‘tardeo’ na praza Avelino Pousa Antelo, que se desenvolverá entre as 18,00 e as 19,00 horas. Ofrecerá música dos anos 80 e os asistentes poderán ademais sumarse ás coreografías informais que dirixirán membros de RitmoLugo.

A  proposta, que busca achegar o baile á cidadanía e contribuír á dinamización do centro da cidade, completarase coa celebración do Congreso de baile ‘Lucus Son’, do 24 ao 26 de abril.

O encontro, centrado nos bailes latinos, contará con obradoiros e exhibicións, entre outras propostas. Ademais de bailaríns da provincia e do resto de Galicia, participarán tamén artistas chegados de países como Italia, Portugal, Uruguai, República Dominicana ou Arxentina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2026