María José Gómez salienta que o valor económico da produción agroalimentaria ecolóxica se triplicou na última década

A conselleira María José Gómez participou hoxe na presentación da Memoria de 2025 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, cuxa produción acadou un valor máis de 118 millóns de euros

Explicou que nos últimos dez anos incrementouse en máis dun 40 % o número de produtores, chegando a 1.005 o pasado ano, e nun 72 % o número de industrias comercializadoras, ata os 273

Reafirmou o apoio á promoción deste tipo de producións a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado cun orzamento de 10 millóns de euros neste 2026, dous máis con respecto ao anterior

Lugo, 17 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación da Memoria de 2025 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), onde salientou que o valor económico deste tipo de produción certificada se triplicou na última década.

Neste sentido, o pasado ano o Craega acadou un valor estimado de máis de 118 millóns de euros, fronte aos pouco máis de 40 millóns de 2016, e tamén superior aos 111 millóns de 2024. A conselleira destacou que, con esta cifra, séguese consolidando a tendencia á alza dos últimos anos. Isto, afirmou, evidencia o gran potencial deste tipo de elaboracións que apostan polo respecto ao medio ambiente e pola sustentabilidade en xeral.

Ao longo da última década, o Craega tamén incrementou en máis dun 40 % o número de produtores, chegando a 1.005 o pasado ano, e nun 72 % o número de industrias comercializadoras, ata as 273. A conselleira tamén puxo en valor o aumento da superficie inscrita neste consello regulador, dado que son xa máis de 46.600 hectáreas distribuídas principalmente nas provincias de Lugo e Ourense.

A titular de Medio Rural, con estas cifras, reafirmou que en Galicia se aposta claramente pola agricultura e a gandaría ecolóxicas, en liña coas políticas europeas a prol desa sustentabilidade. Neste senso, Agricultura Ecolóxica é un dos 38 selos de calidade diferenciada recoñecidos na nosa comunidade, dos cales 36 son denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, a maiores do distintivo de Artesanía Alimentaria.

Apoio á promoción

María José Gómez destacou que unha das prioridades do Goberno galego é fortalecer este tipo de producións de calidade, de especial relevancia para a economía de Galicia e, en especial, para o rural. Deste xeito, salientou o desenvolvemento de iniciativas como o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, a través do cal se promocionan estes produtos cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que no ano pasado.

Mediante esta iniciativa, explicou a conselleira, apóiase a participación de produtores galegos en eventos como Salón Gourmets, celebrado esta mesma semana, ao mesmo que se organizan propostas propias en Galicia para dar a coñecer estes produtos galegos dentro da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2026