A Xunta licita por máis de 64.0000 € a compra de 3.800 probas rápidas de detección de VIH e hepatite C

A medida forma parte do Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030

A Consellería de Sanidade promove o diagnóstico precoz destas infeccións para un inicio temperán dos tratamentos

As probas en fluído oral facilitan o acceso ao diagnóstico e a inmediatez nos resultados

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 5 de maio

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026

A Xunta publica no Portal de Contratos a adquisición, por valor de 64.372 euros, de probas rápidas de VIH e do virus da hepatite C para o Servizo de Prevención e control de enfermidades da Consellería de Sanidade.

O contrato, mediante a modalidade de subministración sucesiva, ten unha duración inicial prevista de 12 meses nos que se entregarán 1.900 probas de VIH e 1.900 de hepatite C. O valor estimado deste contrato ascende a 170.240 euros, se se teñen en conta as posibles modificacións e prórrogas, por un total de 36 meses.

A Consellería de Sanidade promove o diagnóstico precoz do VIH e a sida, ademais da hepatite C, a través de probas rápidas en fluído oral para cribar a infección en poboacións especialmente vulnerables, que son aquelas que manteñen prácticas de risco e teñen menos contacto cos servizos sanitarios.

A facilidade de acceso e a inmediatez dos resultados son dúas vantaxes importantes destas probas que favorecen o diagnóstico precoz. Deste xeito, permite un inicio temperán do tratamento e, canto antes se inicie o tratamento, maior será a recuperación do sistema inmunitario das persoas infectadas, o que se traduce nun mellor prognóstico da enfermidade e, ademais, redúcese dun modo moi importante a transmisión do virus.

Para a realización das probas rápidas, a Consellería de Sanidade conta coa colaboración de entidades comunitarias.

Esta iniciativa de saúde pública forma parte do Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030 que busca reducir a incidencia. Actualmente Galicia nas principais infeccións está por debaixo da media nacional, aínda que con tendencia crecente. No caso do VIH a incidencia é de 5,1 casos por 100.000 habitantes.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 5 de maio.

Data de actualización: 20/04/2026