A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático mantivo un encontro coa rexedora
Ángeles Vázquez informa á alcaldesa de Bande das liñas de axudas ás que poden acollerse os concellos en materia de augas
Pon en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou hoxe á alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, das distintas liñas de axudas que o seu departamento pon este ano á disposición dos concellos relacionadas con actuacións de abastecemento e saneamento de auga.
Neste sentido, a responsable autonómica detallou que Augas de Galicia conta este ano con cinco liñas de apoios dirixidas aos municipios e entidades locais menores -con menos de 50.000 habitantes- cun orzamento global que rolda os 7 millóns de euros. As accións subvencionables son obras para minimizar as fugas no abastecemento e reducir as infiltracións nas redes de saneamento, así como os proxectos para renovar e/ou instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados ou a realización de auditorías nos sistemas de abastecemento e saneamento de titularidade municipal.
Ángeles Vázquez puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.