A Xunta apoia a iniciativa solidaria ‘Lugo en marcha contra o cancro’, que convoca a AECC o vindeiro sábado

Lugo, 20 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da sétima edición da iniciativa solidaria “Lugo en marcha contra o cancro”, que se celebrará este sábado, 25 de abril, a partir das 18:00 horas; está organizada pola agrupación lucense da Asociación Española contra o Cancro e conta co apoio do Goberno galego.

As persoas interesadas poden colaborar tanto competindo nas carreiras como realizando a andaina polo adarve da Muralla ou só mercando un dorsal solidario. Os nenos e nenas dispoñen de distintas posibilidades de percorrido, segundo a idade, e a partir dos 16 anos pode disputarse a proba absoluta, de 5 quilómetros de lonxitude. As inscricións realizaranse online ata o mércores, aínda que tamén se admitirán no punto de saída e meta, na Horta do Seminario, nas horas previas ao evento.

Arias gabou a implicación da cidade nesta proposta, que supera xa os 220 inscritos, así como “o gran traballo que realiza a asociación polos pacientes oncolóxicos da provincia”. Neste sentido, lembrou que a Xunta colabora co seu labor ao tempo que continúa reforzando os recursos públicos, “dotando aos nosos centros hospitalarios do mellor equipamento ou con plans de prevención que inclúen programas de cribado pioneiros”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2026