A EGAP invita aos máis novos a participar no concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026
O concurso pretende incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega entre as novas xeracións
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) mantén aberto o prazo de inscrición para participar no Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026.
O concurso, co que se pretende incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega, está dirixido a nenas e nenos con idades comprendidas, en función das dúas categorías previstas, de 9 a 11 anos e de 12 a e os 14 anos. E, ao igual que na convocatoria anterior, prevese novamente a posibilidade de que os traballos poidan ser presentados tanto de forma presencial como electrónica.
Os contos que se presenten serán de temática libre e deberán redactarse en lingua galega, cunha extensión mínima dunha páxina e máxima de cinco.
En cada unha das categorías daranse tres premios en metálico que irán desde os 150 euros ata os 250 euros e o prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contando a partir do día seguinte ao da publicación das bases no Diario Oficial de Galicia (8 de abril).
Compromiso da EGAP co galego
Este premio é un exemplo máis do compromiso que ten a Escola Galega de Administración Pública coa lingua e o labor que lle corresponde de difusión e normalización do idioma galego na Administración Pública.
Así, o concurso constitúe unha ferramenta máis para concienciar a persoas de todas as idades sobre a necesidade de fomentar a dinamización da nosa lingua e de coñecer e divulgar a cultura que a través dela nos transmitiron as xeracións devanceiras.