A Xunta e a CEL convocan en Ribadeo unha xornada sobre os retos da industria e a innovación en Galicia e Asturias

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación do novo foro do programa ‘Conecta Lugo’, que terá lugar no centro de formación Pedro Murias o día 30 de abril

Ribadeo (Lugo), 21 de abril de 2026

A Xunta e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) convocan en Ribadeo a xornada “Industria, emprego e innovación”, un encontro para que empresas e administracións de Galicia e Asturias intercambien experiencias ante os retos similares que afronta este territorio.

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita, que terá lugar no centro de formación e experimentación agraria Pedro Murias o vindeiro 30 de abril no marco do programa “Conecta Lugo”.

Estrutúrase en tres mesas redondas para expoñer as vertentes institucional, técnica e empresarial. Así, na primeira participarán os conselleiros responsables das áreas de medio rural e de industria nas dúas comunidades, María José Gómez e María Jesús Lorenzana por Galicia, e Marcelino Marcos e Borja Sánchez por Asturias, respectivamente.

Na mesa empresarial intervirán representantes da cooperativa Clun, o grupo Central Lechera Asturiana, Gondan Shipbuilders, e Industrial Recense e OTM.  Por último, na mesa técnica exporanse liñas de axuda e outras medidas que impulsan ambas  Administracións.

O delegado territorial sinalou a importancia de “articular espazos nos que traballar e aprender uns dos outros para dar resposta aos desafíos actuais, especialmente aos que compartimos como comunidades veciñas periféricas de marcado carácter rural”. 

Asesoramento

Javier Arias destacou o papel do programa “Conecta Lugo” para achegarse ao tecido empresarial lucense e acompañar o seu crecemento, tanto a través de obradoiros e foros de debate como proporcionando asesoramento individualizado. A maior parte dos participantes son autónomos, micropemes e pequenas empresas.

A iniciativa, impulsada polo Goberno galego en colaboración coa CEL, involucrou a máis de 600 entidades nas actividades e asesorou a 120 empresas o pasado ano. Deste total, o 41% corresponderon ao sector industrial, seguido dos servizos (21,3%), o turismo (16,5%) e o comercio (13,4%); case a metade teñen un elevado potencial para converterse en empresas tractoras da economía local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2026