Román Rodríguez destaca que a rehabilitación integral do Colexio plurilingüe Praia Xardín permitirá mellorar a súa eficiencia enerxética en case un 38%

O conselleiro de Educación visita o centro para presentar o proxecto, que a Xunta vén de adxudicar por 1,1 M€ e que está previsto rematar a principios do ano próximo

A intervención inclúe a renovación de 2.034 m² de cubertas, 132 fiestras, 71 portas, 624 luminarias e falsos teitos, así como o illamento térmico nos 1.777 m² de fachadas

O Goberno galego está a investir máis de 8,5 M€ en melloras nos centros do Barbanza

Boiro (A Coruña), 21 de abril de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe Praia Xardín, en Boiro, para presentar o proxecto de rehabilitación integral, que a Xunta vén de adxudicar por máis de 1,1 M€ á empresa Orega. A previsión é que a obra remate a principios do ano próximo.

Entre os principais beneficios da actuación, o titular do departamento educativo da Xunta destacou a mellora da eficiencia enerxética do centro en case un 38%. “Este tipo de intervencións permítennos non só mellorar o confort térmico da comunidade escolar no seu día a día, senón continuar avanzando no noso obxectivo de acadar uns centros de ensino máis respectuosos co medio ambiente, tal e como establece o Plan de nova arquitectura pedagóxica entres as súas prioridades”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez puxo en valor o esforzo que o Executivo autonómico está a realizar na renovación e modernización dos edificios educativos ao abeiro deste plan. De feito, como recordou, “os Orzamentos deste ano contemplan un investimento total en obras educativas de 73,6 M€, un 4% máis ca o ano pasado”, detallou.

O conselleiro reiterou, ademais, o compromiso do Goberno galego co Barbanza grazas a un investimento de máis de 8,5 M€ en obras nos colexios e institutos desta área no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Destacan as rehabilitacións integrais do IES da Pobra do Caramiñal (2 M€), do IES Plurilingüe Fontexería (Muros, 1,4 M€), do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1 M€) e do CEIP Plurilingüe de Frións (Ribeira, 655.000€). Ademais, acaba de adxudicarse o peche lateral da pista deportiva do IES Porto do Son (267.000€). No que atinxe ao concello de Boiro, acometeuse o cambio da cuberta do instituto da localidade (422.000€), así como a do Colexio Santa Irene (260.000€).

Novas cubertas e fiestras

A obra no CEIP Plurilingüe Praia Xardín inclúe a instalación dunha nova cuberta de 2.034 m² de panel sándwich con illamento de la de roca, así como a renovación dos canlóns e baixantes. Tamén se aplicará sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE nos 1.777 m² de fachadas e colocaranse 132 fiestras novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre. Xa no interior, instalaranse 509 luminarias led e 115 de emerxencia e 71 novas portas con folla de alma de poliuretano e laminado fenólico e falsos teitos.

Alumnos alemás

Durante a súa visita ao centro boirense, o conselleiro tivo a oportunidade de saudar a un grupo de 10 alumnos da escola Burgbreite Wernigerode (Wernigerode, Alemaña) que están a coñecer o sistema educativo galego ao abeiro do programa Erasmus+. Os alumnos do CEIP Plurillingüe Praia Xardín visitaron previamente este centro no mes de marzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2026