O conselleiro de Sanidade respondeu no Pleno do Parlamento a unha pregunta sobre a renovación integral do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

Gómez Caamaño destaca o traballo da Xunta na mellora das infraestruturas e da asistencia sanitaria en Ourense, onde se agarda 40 días menos para unha cirurxía que na media de España

O conselleiro incide na cifra récord de 703,3 millóns de euros que a Xunta destina á sanidade pública en 2026 na provincia de Ourense

Subliña os 55,5 millóns de euros de investimento para as obras que suporán a construción dun novo edificio de hospitalización de 12 plantas e dun novo hospital Materno Infantil

Destaca a posta en marcha o pasado ano da nova Unidade de Coidados Intensivos, a nova Unidade de Medicina Nuclear ou a Unidade de Ictus

Tamén se puxeron en marcha a nova área de cirurxía maior ambulatoria do Hospital Público do Barco de Valdeorras ou a ampliación das urxencias do Hospital Público de Verín

En materia de atención primaria, sinala o impulso dos centros integrais de saúde de Ourense e do Carballiño e as obras en marcha nos centros de saúde da Rúa, Muíños e Boborás

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o traballo da Xunta na mellora das infraestruturas e da asistencia sanitaria na área de Ourense, onde se agarda 40 días menos para unha cirurxía que na media de España e 60 menos para unha consulta.

O titular da carteira sanitaria da Xunta respondeu no Pleno do Parlamento a unha pregunta referida á renovación integral do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Na súa intervención, o conselleiro incidiu na cifra récord de 703,3 millóns de euros que a Xunta destina á sanidade pública nos orzamentos deste ano na provincia de Ourense.

Ademais do novo edificio de máis de 52.000 m2, posto en marcha en 2017, Gómez Caamaño explicou que a Xunta segue a traballar na reforma integral do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. A tal efecto, o Goberno galego destinou 55,5 millóns de euros ás obras que suporán a construción dun novo edificio de hospitalización de 12 plantas e dun novo hospital Materno Infantil.

O conselleiro referiu que as obras do novo edificio de hospitalización avanzan con ritmo intenso e o obxectivo do Goberno galego é encadear ese final de obra de hospitalización coa demolición do Materno para a construción do novo edificio.

Aposta polas infraestruturas sanitarias de Ourense

Gómez Caamaño puxo en valor a aposta da Xunta por dotar Ourense de infraestruturas sanitarias de vangarda. Ao respecto sinalou a posta en marcha, o pasado ano, da nova Unidade de Coidados Intensivos, cun investimento de máis de 10 millóns de euros.

Así mesmo, investíronse 2,8 millóns de euros nunha nova Unidade de Medicina Nuclear que permitiu instalar o primeiro PET da área sanitaria de Ourense. Este servizo evita que os pacientes teñan que desprazarse a Vigo para realizar estas probas.

Outras melloras sinaladas polo conselleiro foron a posta en marcha no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense da Unidade de Ictus, e a ampliación das urxencias do Hospital Público de Verín, cun investimento de 4,5 millóns de euros.

Engadido ao anterior, o conselleiro citou a dotación no Hospital do Barco de Valdeorras dunha nova área de cirurxía maior ambulatoria, a renovación do hospital de día oncohematolóxico e a reforma da área de consultas externas, ademais da nova farmacia hospitalaria, con 1,2 millóns de euros.

Polo que respecta á atención primaria, Gómez Caamaño destacou o impulso ao Centro Integral de Saúde de Ourense, cun investimento de 14 millóns de euros, e ao Centro Integral do Carballiño, no que a Xunta investirá ao redor de 10 millóns de euros e para o que está previsto licitar a redacción do proxecto neste semestre.

Tamén referiu as obras en marcha nos novos centros de saúde da Rúa, Muíños e Boborás e incidiu en que esta área sanitaria é a que conta con mellores tempos de espera en atención primaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2026