O conselleiro de Sanidade informou no Parlamento das modificacións que está a levar a cabo o seu departamento nos horarios dos puntos de atención continuada
Gómez Caamaño remarca que a ampliación do horario dos PAC ás mañás dos sábados garante unha mellor atención á poboación ao concentrar e reforzar a asistencia con 211 novos profesionais
O obxectivo desta iniciativa é garantir a atención continuada de forma compatible cos acordos de redución da xornada ordinaria dos profesionais do Sergas a 35 horas semanais, tendo en conta a falta de médicos de atención primaria
O conselleiro subliña que a reorganización vai acompañada dunha serie de melloras das condicións laborais e retributivas para o persoal
O incremento das 211 prazas que reforzarán a asistencia nos PAC suporá un investimento da Xunta de máis de 10 millóns de euros
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou hoxe que a ampliación do horario dos puntos de atención continuada ás mañás dos sábados garantirá un mellor servizo á poboación ao concentrar e reforzar a asistencia con 211 novos profesionais. Ese aumento do cadro de persoal dos PAC está previsto materializarse entre 2026 e 2028, con 100 prazas de persoal médico, 80 de enfermería e 31 persoal de servizos xerais.
O titular da carteira sanitaria da Xunta respondeu no Parlamento de Galicia a unha pregunta referida ás modificacións que está a levar a cabo a Xunta nos horarios destes dispositivos asistenciais.
Na súa intervención, o conselleiro subliñou que o obxectivo é garantir a cobertura da atención continuada de forma compatible cos acordos acadados por unanimidade na Mesa Sectorial de Sanidade, destinados á redución da xornada ordinaria dos profesionais do Sergas a 35 horas semanais, tendo en conta, ademais, a actual situación de falta de médicos de atención primaria. Ante ese problema, engadiu, o Goberno central continúa sen adoptar as medidas que se lle reclaman.
Melloras laborais e retributivas
O máximo responsable do Sergas detallou que a Xunta leva a cabo esta reorganización acompañada dunha serie de medidas, entre as que citou o programa de voluntariedade incentivada para as gardas e melloras das condicións laborais e retributivas para o persoal dos puntos de atención continuada.
A este respecto sinalou o incremento en dous anos do 15,36 % nas retribucións por xornada complementaria para o persoal médico, e do 22,62 % para o persoal de enfermería.
Tamén referiu que, no incremento das 211 prazas, a Xunta investirá 10,3 millóns de euros.
O conselleiro insistiu en que, o que se pretende facer os sábados pola mañá é o mesmo que se fai os sábados pola tarde e todo o domingo, ademais de toda a semana, tratar a atención extrahospitalaria onde se debe facelo e cos medios adecuados.
Neste senso, referiu que, nos últimos anos, a maioría dos centros de saúde procederon á reordenación desa atención dos sábados á mañá nos puntos de atención continuada.
A este respecto, e tendo en conta que a actividade dos sábados poña mañá é atención continuada de facto, o oportuno é aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles e centralizar a actividade nos puntos de atención continuada.