A Xunta de Galicia pon en valor a campaña do centro comercial aberto Zona Obelisco en colaboración co Básquet Coruña
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na entrega dunha camiseta asinada polos xogadores do clube de baloncesto a unha das persoas que mercou no comercio local
A Coruña, 22 de abril de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na entrega dunha camiseta asinada polos xogadores do Básquet Coruña a unha das persoas que mercou nos establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto Zona Obelisco, no marco da campaña Imos da man co Deporte - Básquet Coruña. Unha campaña que recibiu apoio da Xunta de Galicia no marco das axudas a este tipo de entidades, dotadas este ano con 2,5 millóns de euros.
O director xeral destacou que esta acción dinamizadora desenvolvida durante case todo o pasado mes de febreiro premiase as compras nos establecementos implicados da cidade da Coruña con papeletas para optar a distintos premios do Club Básquet Coruña. En concreto, a maiores da camiseta asinada, podían gañar entradas para partidos ou bonos ata final de tempada.
Alén recordou que a orde deste 2026 dirixida aos centros comerciais abertos busca reforzar a súa excelencia e capacidade de dinamización a través de campañas coma esta, que non só serven para dar pulo ao comercio de proximidade senón tamén para reforzar o seu vínculo con outras entidades da contorna. Todo no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, orientado a garantir o futuro e competitividade do sector comercial.