Miguel Corgos apela á necesidade de contar cun sistema de financiamento "estable e suficiente" que permita resolver os problemas "reais" da cidadanía galega
O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no Parlamento no acto conmemorativo do 45 Aniversario do Estatuto de Autonomía
Trasladou a preocupación ante a proposta presentada polo Goberno central, que cambia por completo o espírito do modelo, ao non garantir a discriminación positiva para os territorios con máis necesidades e que pivota sobre a capacidade tributaria dos mesmos
Insistiu en que Galicia aposta por unha revisión do sistema que lle proporcione suficiencia, estabilidade, equidade, corresponsabilidade, igualdade e seguridade xurídica
Recordou que o autogoberno ten sido o principal motor para a transformación e modernización de Galicia e a proba de que as iniciativas que nacen do consenso son as que máis logran perdurar no tempo
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública apelou hoxe á necesidade de contar cun sistema de financiamento autonómico “estable e suficiente”, que permita resolver os problemas “reais” da cidadanía galega.
Durante o acto conmemorativo do 45 Aniversario do Estatuto de Autonomía, organizado polo Parlamento de Galicia, Corgos trasladou novamente a preocupación ante a proposta de reforma presentada polo Goberno central. “Unha proposta –subliñou-, que cambia por completo o espírito do modelo, xa que, por primeira vez, non garante a discriminación positiva para os territorios con máis necesidades, senón que pivota sobre a capacidade tributaria dos mesmo”.
Máis polo miúdo, o conselleiro de Facenda precisou que na nova proposta, o criterio de poboación axustada pasa a un segundo nivel e non se atenden os factores que aumentan o custe dos servizos esenciais en Galicia, ao baixar o peso que se lle atribúen á dispersión e ao avellentamento. “Na proposta do Goberno, a dispersión rebaixa nun 16 % o seu peso, pasando do 0,6 % ao 0,5 %. E, no caso do envellecemento, case un 18 %, do 8,5 % ao 7 %”, dixo.
Un financiamento equitativo
“O resultado de aceptar esta proposta do Goberno central condenaría a Galicia a ter o peor financiamento da súa historia”, sentenciou, incidindo na necesidade de acordar, de maneira multilateral un financiamento equitativo, para calquera cidadán, con independencia da comunidade onde resida.
Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos fixo fincapé en que a única forma de evitar unha España asimétrica, de dúas velocidades, é pactar entre todos un modelo, tras unha avaliación rigorosa, transparente e con simulacións comparables sobre o custe real de prestación de servizos en cada territorio. “Non podemos aceptar unha proposta que ameaza a cohesión, a solidariedade e racha a igualdade que protexe a Constitución Española”, abundou, subliñando que Galicia aposta por unha revisión do sistema que lle proporcione suficiencia, estabilidade, equidade, corresponsabilidade, igualdade e seguridade xurídica.
“A reforma debe orientarse a perfeccionar o actual modelo, mantendo a súa arquitectura básica de funcionamento e corrixindo aqueles defectos postos de manifesto ao longo dos anos en vigor”, insistiu, subliñando a necesidade de corrixir a poboación axustada, posto que o modelo vixente nin sequera permite cubrir os sobrecustos que ten Galicia na prestación dos servizos públicos de competencia autonómica.
O autogoberno principal motor para a transformación e modernización de Galicia
Miguel Corgos concluíu recordando que a través da Xunta e do Parlamento galego, Galicia foi quen de adoptar políticas públicas acordes coas necesidades específicas do noso territorio, entre as que están a xestión dos servizos fundamentais, as infraestruturas e a identidade cultural propia, e máis recentemente, a xestión do litoral. “E toda esta evolución non podería terse acadado de non ter un financiamento que sustente toda esta estrutura competencial”, afirmou.
O conselleiro de Facenda e Administración pública resaltou que, desde o ano 1981, o autogoberno ten sido o principal motor para a transformación e modernización de Galicia e a proba de que as iniciativas que nacen do consenso son as que máis logran perdurar no tempo.