Xunta e CDTI informan sobre as súas liñas de apoio á investigación e innovación en Galicia durante 2026
Trátase de convocatorias abertas ou próximas a facelo como Neotec, infraestruturas de ensaio e experimentación, Misións Ciencia e Innovación Ciencia-Empresa e proxectos colaborativos en biotecnoloxía e tecnoloxías profundas e Vinnovate Galicia
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e a xefa do Departamento de Promoción Institucional e Cooperación Territorial do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico a a Innovación dependente, Pilar González, presentaron esta mañá en Santiago de Compostela os principais instrumentos de apoio de ambas entidades á I+D+i neste 2026.
A representante de CDTI, organismo dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, fixo un percorrido polos distintos instrumentos de apoio da súa entidade á I+D+i empresarial, desde proxectos individuais, en cooperación nacional ou internacional e axudas a centros tecnolóxicos, en forma de subvencións ou axudas parcialmente reembolsables. En concreto, avanzou as principais novidades da convocatoria Neotec, dirixida a pequenas empresas de base tecnolóxica e de recente creación, que está aberta ata o 14 de maio; a nova liña de infraestruturas de ensaio e experimentación, dirixida a centros tecnolóxicos e empresas, e Misións Ciencia e Innovación, que apoia proxectos de I+D+I en colaboración que propoñan solucións a desafíos transversais e estratéxicos para a sociedade e que se prevé convocar en maio.
Pola súa banda, a representante da Xunta de Galicia presentou as liñas de axuda da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP á I+D+i en 2026, facendo especial fincapé na nova convocatoria Ciencia-Empresa, que está aberta actualmente e que apoia a realización de proxectos de I+D individuais de pemes, e nas que están próximas a convocarse. Neste último caso, referiuse á liña de recuperación da excelencia Neotec, que rescata proxectos presentados á convocatoria Neotec estatal pero que non obtiveron financiamento; VInnovate Galicia, que financia a proxectos colaborativos interrexionais de I+D entre rexións socias da Vanguard Initiative, e as novas convocatorias para proxectos colaborativos en biotecnoloxía e tecnoloxías profundas.
Participación galega en convocatorias de CDTI
A directora da Axencia Galega de Innovación lembrou os bos resultados acadados por Galicia nas tres últimas convocatorias resoltas por CDTI. En concreto, as entidades galegas captaron 24,31 M€ nas liñas de axuda Misións Ciencia e Innovación 2025, Centros Tecnolóxicos de Excelencia Cervera 2025 e NEOTEC 2025. Ademais, vense de dar a coñecer a resolución provisional de Innterconecta Step 2025, na que as entidades galegas captan preto de 29 M€ máis.
Na xornada participou tamén a empresa SC ROBOTICS para relatar a súa experiencia concorrendo ás axudas Neotec de CDTI e sendo finalmente beneficiaria da liña de axudas da Xunta a Recuperación da excelencia Neotec.