En resposta a unha pregunta na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, José Ramón Parada explicou que a perspectiva de xénero ocupa un lugar central nas políticas sanitarias da Xunta
O xerente do Servizo Galego de Saúde destaca que as galegas agardan por unha consulta de xinecoloxía 23 días menos que na media do conxunto de España
Subliña que, en marzo do pasado ano se constituíu a comisión técnica para a elaboración do II Plan de Igualdade do Sergas e que o diagnóstico das 59 medidas do primeiro plan amosa que o 73 % están executadas e o 27 % restante en execución
Incide en que o Sergas ten programas asistenciais específicos para as mulleres, entre os que citou as consultas de endometriose nas sete áreas sanitarias e unidades multidisciplinares de solo pelviano en toda Galicia
Polo que respecta á cirurxía robótica, remarca que desde a súa implantación en 2021 e ata decembro de 2025, os servizos de xinecoloxía xa realizaron máis de 1.700 intervencións con esta tecnoloxía
Destaca que a perspectiva de xénero é un principio de Goberno, que se reflicte en estratexias aprobadas, en plans con medidas executadas, en programas con millóns de mulleres atendidas, en investigacións lideradas desde Galicia e tempos de atención moi por baixo da media española
Sinala que a Xunta continuará a traballar con rigor, con datos e con equidade para dar resposta ás necesidades das mulleres galegas ao longo de toda a súa vida
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, destacou hoxe que, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade, as galegas agardan por unha consulta de xinecoloxía 23 días menos que no conxunto do Estado: 41 días de espera en Galicia fronte aos 64 días de media en España.
En resposta a unha pregunta no marco da Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, o xerente do Sergas explicou que a perspectiva de xénero ocupa un lugar central nas políticas sanitarias da Xunta.
Referiuse, concretamente, á Estratexia Galega de Saúde 2030, aprobada polo Consello da Xunta, que incorpora as recomendacións da Secretaría Xeral de Igualdade e as achegas de asociacións de pacientes e colexios profesionais. Segundo explicou, o que formula a estratexia é un cambio de enfoque, entender que non pode haber un sistema sanitario de calidade se non é tamén un sistema máis xusto e equitativo en termos de xénero.
Tal e como incidiu José Ramón Parada, o I Plan de Igualdade entre mulleres e homes no Sergas sitúa a igualdade de oportunidade como un principio básico e transversal de toda a organización, con 59 medidas e o apoio de todas as organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade.
Engadido ao anterior, o xerente sinalou que en marzo do pasado ano se constituíu a comisión técnica para a elaboración do II Plan de Igualdade, e o diagnóstico das 59 medidas do primeiro plan amosa que o 73 % están executadas e o 27 % restante en proceso de desenvolvemento.
Tamén puxo en valor o xerente que o Sergas xa traballa con datos sanitarios desagregados por sexo en múltiples programas.
Ademais, Galicia lidera o proxecto Mamorisk, que pretende validar un modelo de cribado personalizado do cancro de mama tendo en conta factores xenéticos e biolóxicos, entre outros.
Así mesmo, o Sergas ten programas asistenciais específicos en funcionamento, entre os que o xerente citou, entre outros, o Plan Galego de Reprodución Humana Asistida, as consultas de endometriose nas sete áreas sanitarias e unidades multidisciplinares de solo pelviano en toda Galicia. Tamén puxo en valor a publicación, a finais do pasado ano, do documento A Saúde das Mulleres en Atención Primaria.
Indicadores destacados
Polo que respecta á cirurxía robótica, desde a súa instalación en 2021 e ata decembro de 2025, os servizos de xinecoloxía xa realizaron máis de 1.700 intervencións con esta tecnoloxía.
Destacou igualmente o xerente, os tempos medios de atención das vías rápidas de patoloxías propias da muller, que foron de 6,4 días para a mama e 5,8 no caso do cancro endometrial.
Outra das iniciativas referidas por José Ramón Parada é a aprobación do procedemento de atención a mulleres vítimas de agresión sexual e o procedemento de atención do Sergas ante casos de sospeita de submisión química, ademais dunha vía rápida de atención sanitaria e psicosocial a mulleres en situación de violencia de xénero.
Para concluír a súa intervención, o doutor Parada dixo que a perspectiva de xénero é un principio de Goberno que se reflicte en estratexias aprobadas, en plans con medidas executadas, en programas con millóns de mulleres atendidas, en investigacións lideradas desde Galicia e en tempos de atención que están moi por baixo da media española, e reiterou que o Goberno galego continuará a traballar con rigor, con datos e con equidade para dar resposta ás necesidades das mulleres galegas ao longo de toda a súa vida.