A Xunta iniciará o luns 11 de maio a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia na área sanitaria de Ferrol

As persoas convidadas desde hoxe de forma aleatoria por mensaxe SMS poden reservar cita a través da app Sergas Móbil

Con mostras de sangue poderanse identificar xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar

A extracción de sangue realizarase no Hospital Arquitecto Marcide de luns a xoves en horario de tarde e non será necesario acudir en xaxún

O obxectivo é chegar a 347 participantes da área sanitaria ferrolá, que se suman aos que xa colaboraron nas áreas de Vigo e de Santiago de Compostela e Barbanza

Progresivamente estenderase a invitación ao resto das áreas sanitarias ata chegar a 5.000 participantes nesta fase

A Xunta inviste 20 millóns de euros no proxecto Xenoma Galicia co obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 galegos

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

A Xunta iniciará o luns 11 de maio a toma de mostras de sangue da nova fase do proxecto Xenoma Galicia na área sanitaria de Ferrol. Para iso, desde hoxe convida a participar a persoas de entre 35 a 70 anos desta área sanitaria.

As persoas que reciban unha mensaxe SMS de invitación, enviadas de forma aleatoria, contarán con toda a información necesaria para participar e poderán reservar cita para a extracción de sangue a través da app Sergas Móbil. O obxectivo é acadar os 347 participantes na área sanitaria ferrolá.

As extraccións de sangue realizaranse no Hospital Arquitecto Marcide de luns a xoves en horario de tarde, entre as 15:30 e as 18:30 horas, desde o 11 ata o 26 de maio. O persoal sanitario informará de todo o proceso aos participantes, que non deberán acudir en xaxún.

O procedemento será o mesmo que o seguido na primeira das áreas sanitarias na que se deu inicio a esta nova fase do proxecto Xenoma Galicia, a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Progresivamente a invitación estenderase ao resto de áreas, ata chegar a 5.000 participantes de toda Galicia.

Detección precoz e medicina personalizada

Coas mostras recollidas no marco do proxecto Xenoma búscase identificar variantes de xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar, ademais de nutrir o biobanco do proxecto.

A primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 27 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. En consulta, dependendo da variante detectada, infórmase das opcións de seguimento personalizado, de se deben facerlle probas a algún familiar e de hábitos de vida saudable que se poden seguir para diminuír o risco en caso de que, finalmente, apareza a patoloxía.

Este proxecto de investigación de medicina personalizada conta cun investimento do Goberno galego de 20 millóns de euros. Márcase como obxectivo recompilar o ADN de 400.000 persoas.

Por iso, pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.

Isto porá a Galicia na primeira liña da investigación biomédica, ademais de ser un revulsivo para a industria biotecnolóxica e farmacéutica do país.

O proxecto Xenoma Galicia, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2026