O conselleiro de Sanidade acompañado da delegada territorial da Xunta e do xerente da área sanitaria, visitou o Hospital Virxe da Xunqueira, para supervisar o funcionamento do hospital de día oncolóxico e as obras de rehabilitación da fachada
Gómez Caamaño subliña que o hospital de día oncohematolóxico de Cee funciona xa con consultas e tratamentos co fin de evitar desprazamentos aos pacientes de cancro da Costa da Morte
O titular de Sanidade incide na repercusión positiva que está a ter este dispositivo asistencial, no que, ata o momento, xa se realizaron 185 consultas no hospital de día
Remarca que o obxectivo do Sergas é chegar a atender aquí ao 50-60 % dos pacientes oncolóxicos da área
Refire que, para poñer en marcha esta unidade, a Xunta realizou un investimento de preto de 90.000 euros, habilitando un novo espazo con seis postos de tratamento simultáneo, consulta médica e zona de enfermería
Tamén destaca a actuación de conservación e limpeza do Hospital de Cee, na que a Xunta inviste 300.000 euros
Incide na aposta do Goberno galego por este centro sanitario, que se reflicte en melloras como a ampliación das urxencias, a consulta de alta resolución de cardioloxía ou o novo equipamento sanitario
Cee (A Coruña), 24 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe que o hospital de día oncohematolóxico de Cee é xa unha realidade plena que realiza revisións, primeiras consultas, tratamentos orais e, desde este mes de abril, tamén tratamentos intravenosos subcutáneos, evitando desprazamentos ao hospital da Coruña dos pacientes de cancro da Costa da Morte.
Tal e como detallou o conselleiro, este hospital de día comezou a funcionar o pasado mes de outubro, realizando as primeiras consultas co obxectivo de ir incrementando tanto o número como a complexidade da actividade de xeito progresivo, guiados polo criterio dos profesionais e procurando sempre a seguridade, a confianza e a tranquilidade dos pacientes.
Gómez Caamaño incidiu na repercusión positiva que está a ter esta medida, sinalando que, ata o momento, xa se realizaron 185 consultas no hospital de día, e o obxectivo do Sergas é chegar a atender aquí ao 50-60 % dos pacientes oncolóxicos da área.
O titular de Sanidade referiu que, para poñer en marcha esta unidade, a Xunta realizou un investimento de preto de 90.000 euros, que permitiu habilitar un novo espazo con seis postos de tratamento simultáneo, consulta médica, zona de enfermería e sala de espera para pacientes e acompañantes.
Así mesmo, o Sergas reforzou o equipo con profesionais especializados e iniciouse un plan coordinado co Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario da Coruña, o que posibilitou que cada paciente poida manter ao seu oncólogo de referencia, algo que resulta esencial neste tipo de procesos asistenciais. A este respecto, o conselleiro agradeceu a implicación da responsable do servizo do hospital coruñés, a doutora García Campelo.
Conservación e limpeza do edificio
Na súa visita de hoxe ao Hospital de Cee, Gómez Caamaño tamén supervisou a actuación de conservación e limpeza deste centro sanitario da rede do Sergas, na que a Xunta investiu 300.000 euros.
As obras, que comezaron no mes de outubro e estarán rematadas na primeira quincena do mes de maio, teñen como fin manter o edificio en óptimas condicións.
O conselleiro puxo en valor que estas melloras se suman a outras que reflicten a aposta firme da Xunta polo Hospital de Cee, xa que, nos últimos anos, o Goberno galego investiu 1,1 millóns de euros na ampliación do servizo de urxencias e outros 1,5 millóns en novo equipamento sanitario.
Engadido ao anterior, desde o ano 2024 o hospital conta cunha consulta de alta resolución de cardioloxía, o que permite tamén evitar desprazamentos e achegar atención especializada.
Así mesmo, a Xunta, xunto co Concello, impulsa unha reforma do centro de saúde de Cee, cuxos resultados o conselleiro agarda poder supervisar proximamente.